A rede de empresas Abertos ao Galego presenta o seu Catálogo de Nadal e convida a “apostar pola nosa lingua nestas festas”

Iria Taibo, coordinadora de Abertos ao Galego: “É fundamental que se poida visibilizar a oferta na nosa lingua”

A Mesa, impulsora desta rede de empresas, anima “a practicarmos un consumo responsábel co noso idioma”

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2013.- A rede de empresas Abertos ao Galego, conformada por 90 membros que apostan pola lingua galega nas relacións económicas, dá a coñecer por terceiro ano consecutivo o seu catálogo de Nadal con ideas de presentes para estas festas.

 

Así, tras “a excelente acollida” que recibiron estes catálogos nos anos 2011 e 2012, as empresas de Abertos ao Galego diríxense novamente “a todas a galegas e todos os galegos que aman a nosa lingua” para que poidan coñecer mellor “a oferta que hai no idioma de noso para poderen facer agasallos, desde xoguetes e pezas de vestir até bonos de masaxes ou fins de semana en casas de turismo rural, pasando por outras moitas cousas interesantes e divertidas”.

 

A coordinadora do proxecto Abertos ao Galego, Iria Taibo, sinala que “é verdade que a lingua de Galiza aínda está nunha situación moi inferior en oferta a respecto do castelán, mais tamén é certo que existen produtos e servizos que si apostan polo noso idioma e que non teñen en absoluto a visibilidade que deberían”, algo que queren axudar a corrixir con accións como os catálogos destes anos. “A xente pode escoller aquilo que pode coñecer”, enfatiza.

 

Este catálogo distribuirase en papel mais terá sobre todo a súa vida en internet, nomeadamente a través das redes sociais, no seguinte enderezo: http://issuu.com/abertosaogalego/docs/catalogo_abertos_2013_web

 

Consumo responsábel co galego

 

Esta publicación ten na súa primeira páxina un decálogo con “Razóns para apoiarmos un consumo responsábel co galego”, no cal se lembra que “todas as decisións que tomamos como consumidoras e consumidores teñen implicacións” e que “as empresas que apostan polo galego fano dun xeito consciente, cunha aposta polo propio, pola calidade e pola proximidade”. Así, asumir un consumo responsábel co galego é tamén apoiar “empresas que asumen a súa responsabilidade social”.

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra