Noticias da Mesa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborou nunha exposición en castelán sobre as vodas, bautizos e comuñóns da familia real española

Os únicos textos escritos en galego na exposición eran: “Non tocar”.


Carlos Callón: “Mentres Núñez Feijóo fecha servizos de normalización municipais e asfixia os equipos de normalización dos centros, utiliza o diñeiro do galego para facer crónica rosa”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Secretaría Xeral de Política Lingüística informou de que o titular do departamento, Valentín García, participou o pasado 13 deste mes na clausura da exposición “Crónica da monarquía española no século XX”. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, pregúntase “como é que o responsábel de fechar servizos de normalización municipais e de asfixiar economicamente os equipos de normalización dos centros de ensino dedica o seu tempo e o diñeiro de todas e todos nestas actividades que non teñen absolutamente nada a ver cos fins de Política Lingüística”.

 

“A mesma Xunta que, entre outros servizos públicos necesarios, está a aniquilar as políticas de apoio ao noso idioma propio, non ten ningún rubor en usar o diñeiro do galego en promover exposicións coas portadas do ¡Hola! e do ABC sobre as vodas, bautizos e comuñóns da familia real española”, apunta o portavoz da Mesa. Callón, que centra as súas críticas no apoio institucional indebido para esta actividade, pregúntase “cal é o valor normalizador de dita exposición”. Así, “aínda que nela a presenza do galego se reduce aos avisos de ‘Non tocar’, centrou a axenda do secretario xeral de Política Lingüística”.

 

A Mesa lembra que, desde que goberna Alberto Núñez Feijóo, os orzamentos de apoio ao galego dentro da Xunta “caeron en picado”. “Que unha parte do pouco diñeiro que hai para a promoción do noso idioma se malgaste nunha hiperedulcorada crónica rosa en castelán da monarquía é máis que un síntoma da penosa situación actual”, conclúe o presidente da maior asociación cultural de Galiza.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis