Noticias da Mesa

A UNED obriga o seu alumnado a responder nos exames que “Carballino” ou “Arteijo” son as formas correctas destes topónimos

A Mesa denunciou que os manuais da UNED aconsellan aos xornalistas non respectaren a toponimia legal, argumentando que estas formas só se deben usar nos “ámbitos oficiais”

A asociación en defensa da lingua anunciou que tomará medidas para exixir que a universidade pública a distancia respecte a nosa toponimia

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2013. A Mesa pola Normalización Lingüística fixo públicas esta mañá as queixas recibidas por parte dunha alumna da UNED que viu con abraio como nos manuais e nos exames da materia  “Comunicación Oral y Escrita en Lengua Española II” había toda unha listaxe de topónimos galegos nos que as formas xenuinas e oficiais eran marcadas como incorrectas e se prescribía a súa substitución polas formas deturpadas en español.

 

Deste xeito, tanto nos exercicios como nos exames da materia, o alumnado vese obrigado a corrixir Ourense por *Orense, Arteixo por *Arteijo, Poio por *Poyo, O Carballiño por *Carballino ou Ponteareas por *Puenteareas, que son as formas sinaladas como “correctas” no manual.

 

Alén diso, A Mesa denunciou que no citado manual se dá a entender que só as administracións deben respectar a legalidade no que aos topónimos se refire, diferenciando entre “uso oficial” e “uso xeral”: “tan absurdo es oponerse a un uso aprobado por ley como pretender que tal uso se extienda por sistema a los ámbitos no oficiales”, sinalan neste libro da UNED, para despois criticar os medios de comunicación que respectan a legalidade:

 

“en España, muchos periódicos, cadenas de radio, televisión, etc., no radicados en Galicia utilizan la forma A Coruña, cuando lo lógico, en estos casos, es emplear el topónimo tradicional español: La Coruña”

 

Desde a maior asociación cultural de Galiza manifestaron que é falaz e demagóxico situar o respecto á toponimia galega no mesmo saco que o uso de toponimia inglesa, alemá ou neerlandesa, como fai este manual:

 

“Hai unha razón evidente para que un medio de comunicación estatal utilice A Coruña mais non London, e é que o inglés non é unha lingua oficial no Estado español… O artigo 3.3 da Constitución sinala que “A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”, respecto e protección que a Constitución non prescribe para o inglés, o alemán nin o neerlandés” argumentan desde A Mesa pola Normalización Lingüística.  

 

Segundo a Mesa a doutrina transmitida polo manual é contraria aos propios estatutos da UNED, nomeadamente o seu artigo 5 que sinala como unha das súas “misións fundamentais” o “apoio ás linguas e culturas de España”.  

 

Por este motivo desde a asociación en defensa da lingua anunciaron que tomarán medidas para exixir que a UNED -institución amplamente subvencionada por concellos e deputacións galegas, alén de polos impostos que pagamos todas e todos- respecte a toponimia galega, única xenuina, oficial e correcta dos nomes de lugar da Galiza.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis