A xuízo en Santiago a sanción política contra Queremos Galego pola manifestación do 17 de maio de 2013

Marcos Maceira: “Dóelles o galego e dóelles que a sociedade se mobilice pacificamente”

 “Pedímoslle ao Partido Popular que deixe de molestar as persoas e colectivos que queremos defender con normalidade o galego e a liberdade de expresión”

Santiago de Compostela 5/01/2016-. Tras varios recursos rexeitados diante da Delegación do Goberno en Galiza e o Ministerio do Interior, hoxe tivo lugar en Santiago o xuízo co que Queremos Galego continúa a recorrer a sanción imposta por supostos incidentes acontecidos na manifestación do 17 de maio de 2013, que nun ambiente alegre e reivindicativo percorreu as rúas da capital galega baixo o lema “non queremos ser estranxeiras na nosa patria”.

O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou como “este ambiente festivo e reinvindicativo foi destacado ao día seguinte por todos os medios de comunicación” e por comentarios de todo tipo por parte de miles de persoas nas diferentes redes sociais.

Para Queremos Galego, a denuncia dos supostos feitos por parte da policía e da Delegación do goberno, só se comprenden desde a utilización política das institucións a favor dos intereses do Partido Popular, naquel momento á fronte do Concello de Santiago, da Xunta e do Goberno do Estado.

Esta manipulación das institucións por parte do Partido Popular fora explicitada con anterioridade coa negativa municipal a permitir a colocación dun palco ou megafonía, o que foi recorrido no xulgado e gañado por Queremos Galego, ou coa modificación sen tempo do percorrido notificado á Delegación do Goberno, coa pretensión de obstaculizar a reinvindicación a favor da lingua galega.

Por desgraza non se trataba de feitos isolados: as mesmas manobras contra as manifestacións a favor do galego por parte do PP repetíronse desde 2010, a única diferenza é que no 2013 engadiron unha multa.

Segundo o portavoz de Queremos galego “o PP, non contento con pór todos os medios para impedir que a manifestación a favor do galego transcorrese con normalidade, decidiron impor unha sanción”. “Dóelles o galego e dóelles que a sociedade se mobilice para defendelo con alegría e pacificamente” sinalou, para resaltar que “da plataforma cidadá Queremos Galego non imos consentir unha sanción política contra o galego e contra a liberdade de expresión. Por iso recorremos aos xulgados”.

Segundo afirmou Maceira, “non se pode permitir nunha sociedade democrática que o partido de goberno, o PP, manipule a policía e o ministerio do interior contra a mobilización social a favor da lingua galega, e pediulle ao Partido Popular “que deixe de molestar as persoas e colectivos que queren exercer con normalidade a liberdade de expresión e neste caso concreto, os que defenden a lingua galega.

O portavoz de Queremos Galego lembrou tamén como sancións semellantes foron impostas a outros colectivos por feitos idénticos nas mesmas datas, en referencia á multa imposta á plataforma polo dereito a decidir das mulleres, “utilizando as institucións contra todos os colectivos sociais que se manifestaban contra as súas políticas”.

Por último Maceira defendeu a necesidade de defendermos a lingua galega como elemento de unión e para garantir a convivencia en condicións de igualdade dentro do pobo galego e nas relacións con outros pobos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra