A Xunta Electoral non nomea concelleiras e concelleiros en Galiza

O galego é a única lingua oficial do Estado excluída como opción para redixir as actas de nomeamento de concelleiras e concelleiros

Marcos Maceira: “ Estes feitos demostran que para os Ministerios de Xustiza, o do Interior, e a Xunta de Galiza, o galego non é nin lingua oficial, nin de segunda, simplemente non existe”

Santiago de compostela, 10 de xuño de 2015-. O pasado 29 de maio, miles de concelleiras e concelleiras de toda Galiza comezaban o proceso de recollida das súas credenciais de nomeamento que certificaban a súa elección tras o proceso electoral do 23 de maio. A imposibilidade de obteren a súa acta en galego, supostamente por problema informáticos, levou a sorpresas que foron denunciadas á Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística, que puido constatar que non se trata de casos puntuais senón xeneralizados.

 

Segundo puido comprobar A Mesa, o galego é a única opción de lingua oficial do Estado excluída, mesmo en versión bilingüe, como opción no programa que redixe as actas emitidas polas Xuntas electorais, que si admiten a opción español, eúscaro e catalán

 

A empresa Indra, que segundo informacións dos medios de comunicación está presuntamente vinculada á coñecida como “trama Púnica”, e contratada polo Ministerio do Interior para a xestión do proceso electoral, tivo un esquecemento que indica con claridade que non contemplan nin de lonxe a posibilidade de en Galiza termos lingua propia e ademais aparentemente cooficial, como con claridade indica o Estatuto de autonomía no seu artigo 5.

 

A exclusión do galego por parte das Xuntas electorais xa foi denunciada pola Mesa en abril (https://www.amesa.gal/a-mesa-denuncia-que-xuntas-electorais-excluen-o-galego-das-suas-actas ), e para o caso da xustiza en reiteradas ocasións, as últimas no informe que a entidade elaborou ao se faceren 10 anos da aprobación do PXNLG e no informe que presentou ao Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas.

 

Para o presidente da Mesa “a reincidencia na exclusión do galego, mesmo como opción, en todo o ámbito da xustiza mostra unha especie de insubimisón diante da oficilidade do galego no noso territorio que proclama o estatuto de autonomía de Galiza”. “Actúan simplemente como se o galego non existise”, afirmou, “e ao tempo envían ás concelleiras e concelleiras electas, o recado de que a oficilidade do galego pode ser vulnerada e atacada digan o que digan“.

 

Segundo indicou o Marcos Maceira, o galego está a desaparecer dalgúns servizos públicos privatizados, que incumpren sistematicamente as xa mínimas obrigas de igualdade lingüísticas, negándose mesmo a ofertar atención en galego ou como neste caso a expedir documentos oficiais na lingua propia de Galiza.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra