A Mesa pola Normalización Lingüística

A Xunta mente sobre a súa implicación no uso do galego en Twitter para poder presentar un único adianto para a lingua en toda a lexislatura

Callón: “Se o PP quere de verdade facer algo polo galego nas tecnoloxías, que dea marcha atrás á súa decisión de non solicitar móbiles en galego para o Parlamento ou que derrogue xa o decretazo que prohibe impartir Tecnoloxía no idioma de Galiza.”

A Mesa, igual que a iniciativa Twitter en Galego (con 15.000 seguidores nesta rede social), salienta que “se conseguimos que Twitter aceptase a tradución ao galego, foi polo compromiso de moitos usuarios dende hai máis dun ano” e non pola Xunta.

A Xunta debería pedir perdón por se apropiar dunha conquista realizada pola presión social e na que o Goberno galego non tivo absolutamente nada a ver.

O logro de que Twitter aceptase o inicio do proceso de tradución á lingua de Galiza é un motivo de alegría para todas as galegas e para todos os galegos. O Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que non impulsou nin un só adianto para o noso idioma en toda a lexislatura, quixo aproveitar a situación para tentar apropiarse da noticia de cara ás eleccións autonómicas e poder presentar como seu ese adianto. Porén, desde movementos sociais como A Mesa pola Normalización Lingüística ou a iniciativa Twitter en Galego (á cal se adheriron 14.850 persoas), advirten de que se trata dunha “mentira”.

 

A verdade é que desde hai máis dun ano existen accións desde a base cidadá, non secundadas pola Xunta, para conseguir que esta rede social teña versión no noso idioma. Cando no pasado mes de maio se anunciou que Twitter se ía traducir a todas as linguas do Estado excepto ao galego, A Mesa enviou un comunicado no cal denunciaba o “absoluto desinterese da Xunta” e que “esta noticia por si soa debería supor a dimisión ou cesamento do secretario xeral de Política Lingüística”. Como sinala a asociación, “as hemerotecas están aí para quen as quixer consultar: non menten”.

 

Tras ese anuncio de que Twitter se ía traducir ao catalán e ao vasco e non ao galego, as mostras de apoio á reivindación multiplicáronse, mesmo co posicionamento público de importantes empresas como R. “É despois dese momento, cando o traballo fundamental está feito e o Goberno galego ficou en total evidencia, cando a Xunta fai unha simple declaración para a galería dicindo que apoia as redes sociais en galego, mais sen acometer para iso ningunha xestión institucional para o conseguir”, apunta o presidente da Mesa, Carlos Callón. O portavoz da maior asociación cultural de Galiza considera que “apropiándose do traballo doutros e doutras, o Partido Popular tenta lavar a cara por esta lexislatura de interminábeis agresións contra o noso noso idioma”.

 

A Mesa sinala que, se o PP quere “de verdade facer algo polo galego nas tecnoloxías” ten “moitas cousas e moi importantes” que pode facer nas próximas semanas. “Por exemplo, dar marcha atrás á súa decisión de non solicitar móbiles con opción de galego para o Parlamento, a pesar de que todo o mundo sabe que tales terminais con opción do noso idioma existen no mercado, ou que derrogue xa o decretazo que prohibe impartir Tecnoloxía no idioma de Galiza”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra