A Mesa pola Normalización Lingüística

A Xunta recorre perante o Tribunal Supremo a sentenza do TSXG que lle dá a razón a Queremos Galego e elimina, por ilegais, os núcleos do decretazo contra o galego

Carlos Callón: “Mentres o conselleiro e o presidente da Xunta menten dicindo que o TSXG lles dá a razón, recoñecen que non é así ao recorreren ao Supremo.”

“Galiza precisa un Goberno críbel.”

“As mentiras teñen as pernas curtas”, afirma o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego para se referir a “como as accións que realiza a Xunta contradín de forma notoria a súa propaganda falaz a respecto das moitas sentenzas que está a emitir o TSXG sobre o decretazo contra o galego”. Así, na mesma mañá en que o conselleiro de Educación presumía sen pudor de que “oito sentenzas ratifican a validez total do decreto do plurilingüismo”, Queremos Galego recibía a notificación de que a Xunta presentou xa un recurso de casación contra esa sentenza, polo cal é presumíbel que vaia facer o mesmo coas outras sete que anulan por ilegais os eixos desta norma imposta polo PP.

 

Carlos Callón considera que “tanto Feijóo como o seu conselleiro de Educación lle fan moito dano a Galiza só polo mero feito de mentiren de forma reiterada, pois o país precisa un Goberno críbel”. Por iso, o portavoz de Queremos Galego sinala que “o Parlamento debería pensar seriamente en propor a tipificación das mentiras dunha autoridade pública”.

 

A plataforma Queremos Galego ten nestes momentos en andamento dúas iniciativas en defensa do galego no ensino. Por unha banda, convocouse unha manifestación para o vindeiro 27 de xaneiro, que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela. Ademais, animan ao conxunto da sociedade a se adheriren ao manifesto “Queremos galego na escola”, no cal se reclama a inmediata derrogación dun “decreto xuridicamente morto”: https://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/home/manifesto-queremos-galego-na-escola-derrogacion-xa-do-decretazo

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra