Abanca impón o uso do castelán nos contratos, información e comunicación coa clientela

A Mesa está disposta a promover mudanzas de contas ás entidades que garantan a posibilidade de uso normal do galego

Marcos Maceira: “a pesar do rexeitamento do PP, 28000 persoas apoiaron a ILP Sentido Común para impedir que acontezan exclusións deste tipo”

Se a exclusión do galego continúa A Mesa iniciará accións de mobilización social”

A Mesa Pola Normalización Lingüística envía hoxe unha solicitude de encontro a Francisco Botas debido á imposición do castelán na documentación e información no seu modelo de contrato de crédito. Así enviou hoxe unha solicitude de encontro dirixido tanto ao presidente de Abanca e Banesco, Juan Carlos Escotet, como ao Conselleiro delegado, Francisco Botas, que se engade á xa remitida e sen resposta de xuño do 2014.

No artigo 5º do seu modelo de contrato de crédito ao consumo incorporan un punto denominado “Régimen lingüístico” no que aseguran que “la información y términos contractuales se facilitará en castellano. Con su consentimiento, durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano”. Segundo a queixa, esta cláusula non se pode modificar, obrigando a asinar e renunciar ao emprego do galego como condición para contratar o crédito.

A entidade bancaria asegura que se debe a que o crédito se tramita en Madrid. “Non sabemos se o crédito se tramita en Madrid ou en Caracas, mais o certo é que o propio modelo de contrato sinala que a sede de ABANCA está no Cantón de Claudino Pita, en Betanzos”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Para a Mesa “é evidente que incluíndo unha cláusula como esta, ABANCA non pretende estabelecer ningún tipo de garantía que preserve os seus intereses ou os do cliente. O que pretenden é situarse nunha posición de supremacía até o ponto de impor o castelán”.

Maceira cualificou a cláusula como “unha coacción inadmisíbel” e engadiu que se trata “dun consentimento forzoso que só ten como fin a renuncia do cliente á lingua propia de Galiza”. Para o presidente da maior entidade cívica galega, “tratándose dunha entidade que conta con grande cantidade de clientes en Galiza, por ser a substituta das antigas caixas, poderían dar opción de galego”. Porén a privatización da entidade e a adquisición por capital venezolano parece que supuxo algo máis que unha simples mudanza de mans. A Xunta de Galiza non fixo nen un só movemento para que Abanca mantivese a dispoñibilidade lingüística que tiñan as antigas Caixas.

Se as antigas caixas acadaron un mínimo de galeguización foi pola mobilización cidadá. En 2004, persoas socias e non socias, da Mesa que sobrepasaban os 18 millóns de euros só en nóminas, achegaron escritos para que asociación en defensa da lingua actuase no seu nome e impulsar o uso do galego; mostrándose dispostas a mudar para as entidades bancarias que garantisen a posibilidade de relacionamento en galego.

Isto demostra a necesidade de ampliar a lexislación de consumo para garantir os dereitos lingüísticos, e mesmo adaptalos a acordos e tratados internacionais como a Carta europea das linguas ou a declaración Universal dos dereitos lingüísticos. Precisamente isto era o que buscaba a ILP “Sentido Común” apoiada por 28.000 persoas mais que non puido comezar o trámite lexislativo pola negativa do PP a tomala, sequera, en consideración.

Imaxe: César Galdo. Entremedias Imaxe e Comunicación.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra