Noticias da Mesa

ABERTOS AO GALEGO.- As empresas de Abertos ao galego: Rinoceronte Editora

Rinoceronte Editora nace en Cangas do Morrazo en 2005 co obxectivo de publicar traducións ao galego de literatura estranxeira. Rinoceronte publica principalmente títulos recentes, sobre todo procedentes de ámbitos culturais e lingüísticos novidosos para a literatura na nosa lingua. Foron os primeiros en traducir desde o finlandés, o húngaro, o xaponés, o islandés ou o hebreo para galego.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

As súas principais coleccións, Contemporánea, Clásica e Vétera, responden a un criterio cronolóxico e comprenden obras de narrativa posteriores a 1950, de 1800 a 1950 e anteriores ao século XIX, respectivamente. Recentemente anunciaron a creación da súa colección de cómic, denominada Novela Gráfica, na que traducen ó galego obras de banda deseñada de autores internacionais. Porque a esencia de Rinoceronte Editora é precisamente a tradución á nosa lingua de textos creados noutras latitudes. 

É unha editorial que aposta por manter un compromiso ético no seu proxecto empresarial: unha das súas premisas é a súa política cos tradutores e tradutoras, aos que pagan a tarifa recomendada pola Asociación de Tradutores Galegos. Ademais, doan o 5% dos seus beneficios a proxectos de desenvolvemento no Terceiro Mundo. 

O proxecto de Rinoceronte quere cubrir dúas vertentes: apostar por autores de calidade, aínda descoñecidos no noso contexto literario e cultural; e ofrecer obras de autores recoñecidos, recentes ou inéditas en galego. En Rinoceronte teñen o orgullo de dedicar aos seus libros un especial coidado. Tanto na elección de títulos e tradutores, como na parte máis formal. 

Abertos ao Galego falou con Moisés Barcia, responsábel de Rinoceronte Editora, sobre o galego no ámbito empresarial. Sen dúbida, o galego é a única lingua en Rinoceronte, mais falando tamén considera que é un valor engadido para calquera empresa e para as persoas que procuran emprego. En relación con iso, considera que a sociedade galega debería ter en maior consideración a nosa lingua e dar un maior valor á singularidade que representa. 

Independentemente de que os libros que edita Rinoceronte estean todos traducidos para galego, toda a documentación que entra e sae na editora como empresa tamén está na nosa lingua, pois, segundo nos comenta Moisés, o compromiso que teñen co idioma forma parte do seu proxecto. Considera tamén que é positivo que se poñan en marcha iniciativas como Abertos ao Galego, desde a idea de facilitar o traballo ás persoas, empresas e colectivos que traballan coa lingua galega como principal sinal de identidade. 

Os libros de Rinoceronte comercialízanse nas librarías de toda Galiza a través de Distribucións Arnoia. Porén, tamén se poden adquirir doutros dous xeitos: solicitándoos por correo electrónico, e enviaranse sen custo de envío a calquera parte do Estado; e facéndose subscritor, co cal ademais do envío gratuíto se obtén un 15% de desconto e agasallos exclusivos.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis