A Mesa pola Normalización Lingüística

Abertos ao Galego.- As rebaixas das empresas colaboradoras

En xullo comezou o período de rebaixas en Galiza. Queremos animarvos a consumir nas rebaixas das empresas de Abertos ao Galego

Como todos os anos, a comezos de xullo os comercios do país abren o seu período de rebaixas. Nesta ocasión, desde A Mesa pola Normalización Lingüística queremos animar á cidadanía a ter en conta a lingua como criterio de escolla á hora de facer as compras.

 

Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística no que participan empresas de todo o país, de moi diversos sectores. As empresas comprométense a manter o seu uso do galego en diversos niveis, establecidos polo certificado Abertos ao Galego, e a cambio reciben apoio na súa actividade empresarial dunha ampla rede de persoas que apostan pola defensa do galego.

 

Un exemplo dos descontos que ofertan as empresas de Abertos ao Galego é o da tenda de moda de muller Ela Diz (praza de Fuenterrabía, Santiago de Compostela). Comezaron as súas rebaixas o día 1 de xullo e rematan o 31 de agosto. Na primeira semana o desconto era do 20%, mais neste momento teñen todos os produtos ao 50, 60 e 70%. Ademais  teñen unha sección de outlet con descontos de até o 70% xa desde o primeiro día. Ademais, os socios e socias da Mesa temos un 10% de desconto adicional ao que haxa nese momento na tenda.

 

Laura Insausti, a propietaria de Ela Diz, considera que iniciativas como Abertos ao Galego son indispensábeis, entre outras cousas porque fan pensar á cidadanía sobre a importancia do papel do consumidor na elección da lingua por parte das empresas. Ademais, entende que en tempos de crise é máis importante que nunca que a xente consuma dun xeito consciente, no comercio local e apoiando ás empresas que apoian activamente o uso do galego.

 

Amarante (con tendas en Pontevedra, na Rúa San Román, 9 e en Santiago de Compostela, na Rúa de San Pedro, 67), tamén membro de Abertos ao Galego, estes días comezou unha baixada dos seus prezos en moitos dos seus produtos de xeito permanente. O obxectivo de Amarante é pór a disposición do público produtos de comercio xusto a prezos asequíbeis, polo que neste momento de dificultades económicas decidiron revisar as súas marxes comerciais. Lembran tamén que os socios e socias de Amarante poden desfrutar ademais dun 10% de desconto en todas as súas compras.

 

Algúns exemplos de produtos nos que rebaixan os prezos son o café descafeinado natural Colombia Arábiga en gran (1kg, 13,25€), o arroz Hom Mali aromatizado, procedente de Tailandia e biolóxico (1kg, 3,95€) ou o lavalouza a man biolóxico (2 litros, 4,35€).

 

Desde Amarante lembran a importancia de proxectos de Comercio Xusto, nos que se prima o respecto polas persoas: rebaixan a súa marxe comercial, eliminan intermediarios e procuran sinerxias na colaboración con outras importadoras. Todo isto co obxectivo de promover un comercio responsábel cos dereitos das persoas e co medio ambiente.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra