A Mesa pola Normalización Lingüística

ABERTOS AO GALEGO.- Presentamos IPR Xestión, que oferta desde hoxe un 20% de desconto a socios e socias da Mesa

IPR Xestión é unha asesoría da localidade de Cerceda. A súa responsábel é Rocío da Igrexa Prego, e Abertos ao Galego estivo estes días falando con ela, para coñecer mellor os seus servizos e a súa relación co galego.

IPR Xestión fai todo tipo de servizos relacionados coa xestión laboral (nóminas, contratos, altas e baixas da Seguridade Social…), fiscal e contábel, tanto para empresas (impostos, facturación, etc) como para particulares (declaración da renda, xestión de seguros, etc). IPR Xestión traballa en Cerceda desde o ano 1995  mais teñen clientes de toda a provincia coruñesa.

 

Rocío explícanos que no seu ámbito teñen certas dificultades para poderen ofrecer algúns dos seus servizos en galego, mais iso non é impedimento para que desde os comezos procurasen sempre un xeito de facelo. De feito, todos os seus servizos e a documentación que emiten para os seus clientes está sempre escrita en galego, a non ser que se lles solicite outra cousa. Por exemplo, coméntanos que desde o primeiro día emitiron as nóminas para os seus clientes en galego, mais nos primeiros tempos tiveron que facelo dun xeito máis ben manual, traducindo eles mesmos os modelos, mais conseguiron que a empresa (de Sevilla) que lles fornece o programa co que fan a xestión laboral puxese en funcionamento tamén unha versión en galego.

 

Rocío coméntanos que Abertos ao Galego é unha ferramenta útil en moitos sentidos, mais valora especialmente o seu significado como espazo para a reflexión sobre o papel do galego en moitos ámbitos da nosa vida como consumidores e usuarios. Considera que para a supervivencia da nosa lingua é imprescindíbel que cada persoa poida e procure darlle toda a naturalidade ao seu uso, polo que agradece que iniciativas como estas dean a coñecer o traballo de empresas que, cada unha na medida das súas posibilidades, contribúen a crear esa normalidade.

 

Desde hoxe, IPR Xestión oferta aos socios e socias da Mesa pola Normalización un desconto dun 20% en todos os seus servizos agás os seguros. 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra