Aena exclúe o galego no teléfono de información do aeroporto de Santiago de Compostela

Marcos Maceira: “Esiximos que AENA poña fin a esta discriminación de xeito inmediato”

A Mesa rexistra queixas na Liña do Galego, servizo gratuíto de queixas e parabéns polo uso do galego, debido á exclusión da lingua galega nos servizos de atención e información aeroportuaria de AENA.

Un cidadán galego chamou ao servizo de atención telefónica de AENA para solicitar información sobre as tarifas do aparcadoiro do aeroporto de Santiago de Compostela. A primeira discriminación sufriuna ao non poder escoller galego no menú de idioma -só permite castelán ou inglés-. Unha vez puido ser atendido por un teleoperador, pediu amabelmente ser atendido na súa lingua. Esta petición motivou unha reacción belixerante e díxoselle que “sólo español o inglés, no se habla gallego en este departamento”.

Actualmente a empresa pública AENA dispón dun servizo telefónico de información e atención á clientela que só permite atención en castelán ou inglés, o que contravén o Estatuto de autonomía que establece no artigo 3 que “os poderes públicos de Galiza adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua”. Do mesmo xeito, as discriminacións por razón de lingua son contrarias ao artigo 14 da Constitución.

Cómpre lembrar que a obriga de respectar os dereitos lingüísticos da cidadanía galega non incumbe só ás administracións públicas, tamén as empresas privadas que prestan os seus servizos en Galiza deben respectar o dereito dos galegos e galegas a nos expresar na nosa lingua dentro do noso territorio, como recoñecen entre outras, a Lei 1/2010, relativa aos servizos no mercado interior (disposición adicional sexta) e a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recoñece no seu artigo 46 uns dereitos lingüísticos mínimos, indicando que:

  1. Os consumidores, nas súas relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galiza, sempre e cando a contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, así como nos supostos de publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas en Galiza.

Ademais ningunha empresa, por privada que sexa, pode tratar ás persoas galegofalantes como unha “clientela de segunda” nin ofrecerlle un servizo de peor calidade polo feito de falar na súa lingua, que é a propia e oficial do territorio no que vive. “Estamos ante unha vulneración dos dereitos do consumidor que non pode ser tolerada” explicou o presidente da Mesa Marcos Maceira.

Maceira concluíu: “solicitarémoslle a AENA que incorpore de xeito inmediato a posibilidade de termos atención en galego, que evite que se repitan no futuro todo tipo de discriminacións ás persoas galegofalantes”.

Imaxe: Aeronoticiario SCQ

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra