Noticias da Mesa

A Mesa e CIG-Ensino solicitan á Valedora do Pobo que inste á Consellaría de Educación a que paralice unha nova agresión ao ensino en galego

Coa nova lexislación educativa o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

2016-11-29 distribucion galego ESO

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao e  entregaron este luns 12 de decembro, unha queixa dirixida á Valedora do Pobo na que solicitan que inste á Consellaría de Educación a asegurar que en todos os cursos da ESO se garanta, como mínimo, o mesmo número de horas de ensino en galego que en español.

En declaracións aos medios de comunicación, Anxo Louzao e Marcos Maceira denunciaron que a entrada en vigor da LOMCE -e a conseguinte modificación dos currículos da ESO e da carga  horaria das materias- deu lugar a un desequilibrio aínda maior do noso idioma. Coa LOMCE, subliñaron, empeórase a situación de discriminación e marxinación que xa provocou a aprobación do Decreto do Plurilingüismo, que foi rexeitado maioritariamente pola sociedade galega e declarado ilegal, boa parte do seu articulado, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Para a Mesa e a CIG-Ensino, segundo se recolle na queixa dirixida á Valedora do Pobo, as mudanzas curriculares derivadas da aplicación da lexislación básica estatal deben ser acompasadas coas modificacións necesarias na normativa educativa galega para non continuar afondando na marxinación e discriminación do galego.

Coa nova lexislación educativa o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas.  “Esta distribución horaria dá como resultado que na ESO o alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en español, na modalidade de ensinanzas aplicadas, e 10 menos nas académicas”,  explicou  Anxo Louzao. “Non estamos dispostos aceptar que no ámbito lexislativo se discrimine desta maneira o noso idioma”, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino que tamén criticou con dureza ao novo conselleiro de Educación “por continuar na senda do anterior co beneplácito de Feijoó”.

Marcos Maceira insistiu na urxencia de que a Consellaría de Educación, que ten competencias para actuar, tome medidas para compensar esta discriminación. O presidente da Mesa lembrou os acordos pola normalización lingüística que foron recollidos nunha declaración conxunta promovida pola Mesa o 15 de xullo de 2015 e ratificados por todos os partidos con representación en Galiza, incluído o PP. “Se queren cumprir os acordos aos que se comprometeron teñen que facelo inmediatamente”, engadiu para logo advertir que A Mesa promoverá diferentes accións para denunciar esta persecución ao galego nas institucionais internacionais que se pronunciaron en contra do Decreto do Plurilingüismo.

A CIG-Ensino xa se dirixiu no mes de setembro ao conselleiro de Educación para deixar constancia das consecuencias da aplicación da LOMCE polo incremento da españolización e redución do ensino en galego que supón. Tamén na Mesa Sectorial do 11 de outubro incidiu na necesidade  de “desfacer este novo atropelo á nosa lingua”, sen que até agora a Consellaría emprendese ningunha modificación do Decreto 79/2010 para desfacer esta marxinación.A3_Concentracion_ensino

Por todo isto, A Mesa e a CIG-Ensino anunciaron a convocatoria de mobilizacións, nomeadamente dunha concentración para o día 14 de decembro diante da propia Consellaría de Educación na que demandarán a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo e posta en marcha de medidas para  que se lle garanta ao ensino en galego a mesma carga lectiva que ao ensino en español; unha actuación urxente para adecuar e ampliar as áreas que hai que impartir en lingua galega e  levantar o veto de impartir en galego Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis