AQA Complexos exclúe o galego dos seus campamentos de verán 2018

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar a exclusión do galego  no campamento multideporte de verán na Coruña que organiza AQA Complexos e conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego.

AQA Complexos é a empresa á que se lle concedeu  a explotación e xestión de tres centros deportivos da Coruña (Agra, A Sardiñeira e Elviña), cuxa titularidade é da Secretaría Xeral para o Deporte e da Fundación Deporte Galego da Consellaría de Presidencia e Administracións Públicas

No Campamento multideporte destinado a nenas e nenos de entre 4 e 14 anos exclúese o galego tanto dos carteis promocionais como da folla do inscrición ao campamento. Este non é un feito illado, xa que esta empresa vén excluíndo o galego de toda a súa actividade nas redes sociais, páxina web e carteis publicitarios.

AQA Complexos, aínda que sexa unha empresa privada, non pode vulnerar a lexislación. Na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración estabelece no artigo 38. Estatuto xeral das persoas usuarias: Carta galega dos servizos públicos no apartado 2:

  1. c) A utilizar e a ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá nas súas relacións orais e escritas co prestador do servizo. Para estes efectos, tanto nos supostos de xestión directa coma indirecta, adoptaranse as medidas organizativas do servizo necesarias para a garantía deste dereito. O galego será a lingua de uso normal e preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos.

Neste sentido o presidente da Mesa, Marcos Maceira lembrou que ningunha empresa, por privada que sexa, pode tratar á clientela galega como unha “clientela de segunda” nin ofrecerlle un servizo de peor calidade polo feito de falar na nosa lingua. Así, desde a Mesa lembraron que as consumidoras e consumidores galegos teñen dereitos lingüísticos recoñecidos pola lexislación, pois alén das leis que estabelecen a oficialidade do galego e o dereito que temos a usármolo e non sermos discriminadas nin discriminados por facelo (como o Estatuto de Autonomía, a Lei de normalización lingüística ou a Lei 1/2010, relativa aos servizos no mercado interior), na nosa condición de consumidoras a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recoñece no seu artigo 46 uns dereitos lingüísticos mínimos, indicando que:

  1. As persoas consumidoras, nas súas relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma de Galiza, sempre e cando a contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no territorio da comunidade autónoma de Galiza, así como nos supostos de publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas en Galiza.

Do mesmo xeito, empregando só o castelán están a incumprir o apartado c) do artigo 13 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no que se rexeitan as prácticas que tendan a desmotivar o uso das linguas rexionais ou minoritarias na marco das actividades económicas ou sociais.

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística lémbranlle á Xunta de Galiza e á Secretaría Xeral de Política Lingüística a obriga de promoveren a lingua galega e exixírenlles ás empresas concesionarias de servizos, neste caso na área de deportes, que non exclúan o galego das súas actividades.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra