As entidades polas linguas do Estado exixen ao goberno que implemente a PNL aprobada no Congreso e asuma as recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa

Representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Kontseilua (Euskal Herria), Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Escola Valenciana e Acción Cultural de o País Valencia (País Valenciá) e Iniciativa pel Asturianu (Asturias) valoraron esta mañá en rolda de prensa a aprobación no Congreso de parte do manifesto Liberdade, igualdade, democracia

Compostela, 8 de abril de 2021.- Representantes das entidades sociais de defensa das linguas do Estado valoraron esta mañá nunha rolda de prensa conxunta a aprobación parcial da Proposición non de Lei sobre a realidade plurilingüe e igualdade lingüística por parte do Congreso dos Deputados como a apertura dunha xanela e reafirmaron o seu compromiso de “seguir traballando conxuntamente para abrilas todas”.
 
A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Kontseilua (Euskal Herria), Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Escola Valenciana e Acción Cultural de o País Valencia (País Valenciá) e Iniciativa pel Asturianu (Asturias) consideran “un pequeno paso cara á igualdade” a aprobación da Proposición non de lei (PNL) rexistrada por BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos co obxectivo de garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía e exixen ao goberno do Estado que implemente as medidas aprobadas e que asuma as recomendacións de obrigado cumprimento que lle vén de facer, na mesma liña, o Consello de Europa.
 
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, defende a necesidade de que todos os poderes do Estado se comprometan co respecto real das linguas propias da súa cidadanía. “Desde a diferenza estabelecida na Constitución entre dereito de uso e deber de coñecemento, só para o español, até as máis de 500 disposicións legais de diferente rango xurídico”, recorda Maceira, “a desigualdade entre a lingua oficial do Estado e o resto de linguas propias de cada territorio é manifesta”.
 
“Á emenda común a todas as linguas, que foi aprobada por unha ampla maioría parlamentaria, cómpre engadirlle outros deberes asumidos polo Estado a través da ratificación de tratados internacionais como Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias ou acordos como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos”, asegura.

“O cumprimento deste ponto só é posíbel eliminando as limitacións ao uso das linguas propias de cada territorio na lexislación e aplicándoo transversalmeente a toda a normativa que se aprobe desde agora”, afirma Marcos Maceira. “Débense iniciar, por tanto”, conclúe, “accións encamiñadas a garantir o dereito práctico, real da cidadanía, ao uso da lingua propia do seu territorio en todo momento e para calquera acto. Isto implica ámbitos como a administración, a xustiza, a educación, a xustiza, o lecer, o socioeconómico ou medios de comunicación, todos eles incluídos especificamente na CELRM”.
 

Xanela aberta
O secretario xeral de Euskalgintzaren Kontseilua, Paul Bilbao, salienta que “dunha vez por todas, conseguimos debater a xestión das linguas propias en función dos parámetros de xustiza, igualdade e liberdade. Porque, como dixemos en Madrid, está en xogo a democracia se millóns de habitantes do Estado son considerados cidadáns de segunda”. Xunto a iso, Bilbao fixo fincapé na responsabilidade e a flexibilidade dos axentes: “Pola nosa banda houbo unha disposición total para chegar a consensos, por iso resultounos incomprensible que se nos pedise que renunciásemos ao principio da igualdade lingüística. No entanto, e aínda que parecía que se ía a rexeitar toda a proposta, finalmente, grazas á presión que exercemos, conseguimos abrir algunha xanela”.
 

Bilbao subliñou que tamén desde Europa se insistiu recentemente na necesidade de que o Estado cambie o rumbo da política lingüística. Hai unha semana, o Comité de Expertos do Consello de Europa publicou un novo informe sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e reiterou que o Estado incumpre unha serie de recomendacións. “As recomendacións incumpridas”, sinalou o representante de Kontseilua, “vincúlanse directamente ás medidas que foron rexeitadas na Proposición non de Lei. Parécenos, por tanto, que se hai vontade, o Estado cumpriría facilmente os tratados internacionais ratificados, precisamente pola vía que lle propuxemos os axentes”.

Pola súa banda, o representante de Iniciativa Pol Asturianu, Iván Llera, fixo unha valoración sobre o punto que se aprobou ao redor da oficialidade: “En canto á nosa lingua, supón un gran impulso ao noso labor e, polo tanto, á actitude dos partidos que defenden a oficialidade na Xunta Xeneral. O Goberno asturiano manifestou en varias ocasións que en setembro de 2021 iniciaría o proceso de reforma do Estatuto de Autonomía. Agora poderemos incrementar a presión ante os partidos que apoian a oficialidade para abrir canto antes o debate sobre a reforma do Estatuto, así como para recoñecer ao galego ese status nos concellos de Eo-Navia “.

 

Llera lembrou tamén que este punto da oficialidade tamén afecta a outras linguas: “Pódese aproveitar para introducir no Estatuto de Aragón a oficialidade do aragonés e do catalán, tendo en conta que, en breve, reformarase o Estatuto. No caso de Navarra, hai que lembrar que a lingua non é oficial en todo o territorio e o punto aprobado atende tamén a este tipo de casuística. Por tanto, debería contribuír a impulsar a reforma do Amejoramiento para estender a oficialidade a todo o territorio. E, da mesma maneira pode valer para outros territorios, como o galego en Berzo, Seabra e Portelas (Castela e León) e Xálima (Estremadura); o catalán en Carx (Murcia); e o eúscaro en Treviño (Castela e León) e en Trucios (Cantabria). “

Alexandra Usó, de Escola Valenciana, chamou a atención sobre como, no relativo ao catalán, “hai que conseguir que non haxa impedimentos para o seu uso, aínda que o nome da lingua sexa diferente en cada territorio, segundo os estatutos, catalán en Catalunya e Illas, valenciano en Valencia. Habería que pedir que o valenciano e o catalán sexan denominacións equivalentes e o texto debería servir para pedir á Avogacía do Estado que non volva pór en cuestión a separación lingüística”. Toni Gisbert, de ACPV, pola súa banda, recordou que “o galego forma parte dun ámbito lingüístico máis amplo, o galego-portugués, separado polas fronteiras administrativas dos estados na Península Ibérica. A pesar das diferentes regras ortográficas para as variantes galega e portuguesa, a reciprocidade na recepción de medios de comunicación e audiovisuais axudaría a coñecer mellor entre os falantes estas variantes e a reconstruílas a través de modelos de verdadeiro galego”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra