Axentes de defensa das linguas minorizadas demandarán compromisos concretos aos partidos políticos de cara ao 10N

A Mesa pola Normalización e outros axentes sociais que traballan pola normalización das linguas propias do Estado realizaron esta mañá unha reunión de traballo en Valencia na que concretaron liñas de traballo de cara ás próximas eleccións. Entre outras, unha comparecencia en Madrid a finais de mes

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019.- O 10 de abril de 2019, A Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades que traballan en defensa do aragonés, do asturiano, do catalán, do galego e do euskara presentaron en catro roldas de prensa simultáneas en diversos puntos do Estado o documento Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia, no que recolleron diversos compromisos que deberían tomar os partidos políticos. “Hoxe en día existe un desequilibrio entre o castelán eta as linguas minorizadas”, explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “e, por tanto, para conseguir igualdade, liberdade e democracia, é necesario, entre outras cousas, recoñecer idénticos dereitos deberes a toda a cidadanía, contratar na administración pública persoal capacitado nas linguas minorizadas, normalizar o uso das linguas minorizadas nos xulgados e dar fin á imposición do castelán a través das normas. Ese é o eixo dos compromisos que redactamos”.
Varios partidos políticos adiantaron que se chegan ao Goberno teñen intención de tomar medidas para restrinxir os dereitos lingüísticos da cidadanía que quere vivir en linguas propias. “Por iso, non queremos dirixirnos a eses partidos”, afirma Maceira, “demandamos ao resto do arco parlamentario que fagan seus os compromisos recollidos no documento”. Para conseguilo, na reunión de hoxe decidiron pór en marcha diferentes dinámicas para socializar o contido do documento e recoller compromisos concretos dos partidos políticos, entre outras, realizarán unha comparecencia conxunta en Madrid a finais de mes.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra