Biblos, o clube de lectores galego

O clube, que xa ten 10 anos, avanza ás novidades das editoriais galegas e tamén, como editora, publica obras de case todos os xéneros

O pasado mes de marzo Biblos fixo 10 anos, polo que xa son moi coñecidos entre nós. Porén, aproveitamos a súa chegada a Abertos ao Galego para explicarvos quen son e que fan. Biblos é un clube de lectores. Os seus socios e socias reciben cada dous meses unha revista a toda cor coas últimas novidades das editoriais galegas, ademais dunha boa representación das grandes editoras portuguesas e tamén das productoras de música e cine do momento. Os socios e socias poden recibir na súa casa os libros que pidan con só 1€ de custes de envío. O único compromiso que é preciso adquirir é pagar a subscrición anual de 15€ e mercar cando menos un libro, disco ou película cada dous meses, a ser posible coincidindo coas datas de publicación da revista. 

 

Biblos é tamén editora e como tal publica obras de case todos os xéneros e, entre elas, as gañadoras do Premio Biblos-Casa Grande do Bachao, que vai pola novena edición. Este premio ten o obxectivo de contribuír a descubrir novos creadores e premia autores e autoras de até 25 anos que teñan un proxecto de novela en galego. Cada ano, un escritor ou escritora xa consagrados acompaña ao autor gañador do premio como titor, asesorando no proceso de xestación da obra antes da súa publicación. A gañadora deste ano é Lidia Gómez Martínez e a súa titora será María Xosé Queizán. Ademais, o premio inclúe unha escultura de Luís Loureira, a estadía dun mes na Casa Grande do Bachao, un computador portátil e a publicación da obra no idioma orixinal e na súa tradución ao castelán.

 

Os responsábeis de Biblos son Carmela González e Tucho Calvo, dous xornalistas moi implicados na visibilidade da cultura galega. Tucho e Carmela adhírense a Abertos ao Galego convencidos de que é unha ferramenta útil para o fomento do idioma no ámbito da empresa e desde a súa experiencia de dez anos traballando en galego e polo galego. 

 

No marco do mesmo proxecto Biblos o pasado 15 de agosto abriu en Betanzos unha nova libraría xeneralista. A libraría Biblos nace con intención de xerar unha corrente de actividade xunto con todos os sectores implicados na creación cultural, motivo polo que levará adiante unha intensa programación relacionada co mundo literario e as artes plásticas. Presentacións de obras a diario e a posta en marcha de dous obradoiros, un deles de ilustración e banda deseñada e outro de guión de cine, son só parte da programación que está en marcha. Estes obradoiros serán impartidos por Xosé Tomás e Ángel de la Cruz, respectivamente.   

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra