Noticias da Mesa

Callón presenta un recurso para tentar parar a insólita e excepcional repetición do xuízo na súa contra, “algo que sería dificilísimo de imaxinar se o denunciante non fose outro xuíz”

A Mesa está preocupada pola grave aparencia de que se están a forzar corporativamente os procedementos xudiciais habituais para que se sancione a quen non fixo máis que realizar declaracións de defensa da Lei

Repetir o xuízo “vulneraría o dereito constitucional á defensa” xa que “sería tanto como darlle a posibilidade ao ex xuíz decano da Coruña de ir probando distintos tribunais até conseguir unha decisión do seu agrado”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2013.- Estanse a producir novos movementos tras a repentina viraxe que deu nestes últimos días o caso de denuncia do ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, contra o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.

 

O portavoz da maior asociación cultural de Galiza presentou un recurso para tentar evitar “que se repita este xuízo” o vindeiro día 10, unha decisión que todos os xuristas consultados consideran “extravagante a respecto da práctica cotiá das audiencias provinciais”. No caso de se manter a repetición do xuízo, A Mesa xa convocou concentración para o vindeiro 10 de maio ás 10 h diante da Audiencia Provincial da Coruña.

 

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística considérase que “esta decisión da Audiencia Provincial prende unha alarma non só para o noso idioma, senón tamén para a igualdade de todas e todos perante a Xustiza”, xa que “se está a dar a grave aparencia” de que se “forzan corporativamente os procedementos xudiciais para tentar sancionar a quen non fixo máis que realizar declaracións de defensa da Lei”. Ademais, tal actuación “vulneraría na práctica o dereito á defensa”, xa que “repetir o xuízo unha e outra vez sería tanto como darlle a posibilidade ao ex xuíz decano de ir probando en diferentes tribunais até conseguir unha sentenza do seu agrado”.

 

O proceso, que comezou hai cinco anos, desencadeouse despois de que o xuíz Antonio Fraga Mandián afirmase en sede xudicial que “no tengo ningún rubor en usar La Coruña” nos documentos oficiais. Tales manifestacións, que saíron en múltiplos medios de comunicación, recibiron a crítica do presidente da Mesa, xa que a Lei de normalización lingüística estipula que a única forma oficial dos topónimos galegos é a galega, e é obriga dos xuíces cumprir e facer cumprir a Lei. “Para máis inri, esas declaracións producíronse no marco doutra denuncia deste xuíz contra un veciño porque este solicitara recibir a información en galego”, lembran desde A Mesa, onde ven “con máxima preocupación a criminalización do uso e defensa do noso idioma propio”.

 

Callón foi absolto en xaneiro deste ano 2013 do cargo de inxurias contra o ex xuíz decano da Coruña, quen reclamaba unha indemnización de 15.000 euros. Na sentenza (que se pode consultar aquí) tamén se recordaba toda a lexislación que recoñece A Coruña como o único topónimo oficial, e sinalábase que é normal e lexítimo que as moi desafortunadas declaracións de Fraga Mandián fosen obxecto de crítica pública, como a realizada polo presidente da Mesa, e que tal crítica estaba amparada pola liberdade de expresión.

 

 

ALGÚNS FRAGMENTOS DO RECURSO DE APELACIÓN PRESENTADO PARA TENTAR EVITAR A REPETICIÓN DO XUÍZO:

 

“A acusación particular non podería obter en ningún caso a repetición do xuízo ante un Tribunal superior, pois sería tanto como darlle a posibilidade de ir probando distintos tribunais até conseguir unha decisión do seu agrado.Unicamente cabería a repetición do xuízo e sempre ante o xulgado a quo, previa declaración de nulidade e retroacción do procedemento, no caso de denegación infundadada de probas, de imposibilidade de practicalas na instancia ou de vulneración de dereitos fundamentais daquela parte, polo que, non sendo o caso, entendiamos que a celebración de vista debía a todas luces ser rexeitada.”

 

“Tamén cabe que excepcionalmente o tribunal de apelación, acorde a petición de parte ou de oficio, a celebración de vista para formar unha convicción fundada en relación ao recurso. Como excepcións que son, para ser aplicadas validamente deben apoiarse e vir motivadas debidamente a partir da concorrencia certa de circunstancias procesuais excepcionais no caso concreto. E aínda que celebrar vista en apelación encontra maior xustificación xurisprudencial á hora de revisar unha sentenza condenatoria, como consecuencia da vixencia da presunción de inocencia, do dereito á defensa en igualdade de armas e do principio de contradición; non acontece así cando se trata de revisar a sentenza absolutoria a petición da parte denunciante, cuxo dereito á tutela xudicial efectiva abarca a admisión a trámite da denuncia, o axuizamento en primeira instancia, e de ser o caso, a posibilidade de interpor recurso contra a sentenza de instancia.”

 

“No actual sistema de apelación penal española está recoñecido que o tribunal ad quem pode revisar con plenitude de xurisdición a sentenza recorrida; mais o sistema de recursos vixente non contempla en ningún caso a posibilidade da repetición do xuízo ante un tribunal superior, nin como dereito, nin sequera como opción que puidese impetrar a parte apelante. E se o tribunal de apelación se afasta do marco normativo procesual para suplir as carencias do recorrente ou en forma que poida ser percibida como favorecedora da posición dunha das partes, perde a súa imparcialidade e quebra o dereito a un proceso coas garantías legais e á igualdade de armas, vulnerando os dereitos constitucionais á tutela xudicial efectiva e á defensa.”

 

“A resolución recorrida parece dicir, en román paladino, que se celebra vista para poder revocar a sentenza absolutoria e condenar a quen foi absolto, o cal non é un motivo aceptábel para concedela a teor da lexislación procesual vixente, nin da xurisprudencia constitucional (…)”.

 

“Amén de non estar contemplada legalmente, resulta extravagante a respecto da prática cotiá das audiencias provinciais, e desde logo, carente de sentido darlle vista a un recurso de apelación para o que non se propuxo proba e no cal tampouco se combate a declaración de feitos probados.”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis