Noticias da Mesa

Canal + ignora unha clienta porque fala galego

O Servizo de Atención ao Cliente da empresa respondeulle que só atenden consultas escritas en español, e que “non son capaces” de traducir o seu correo

Marcos Maceira sinalou que “as galegas e galegos non somos clientes de segunda” e ironizou: “Resulta curioso que unha empresa que se nos vende como vangarda tecnolóxica nin sequera saiba usar Google Translator”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística fixo pública esta mañá a queixa dunha usuaria de Canal + a quen o Servizo de Atención ao Cliente non atendeu polo feito de falar galego.

 

Esta clienta púxose en contacto con Canal +, a través do correo electrónico do seu Servizo de Atención ao Cliente, para informar dun problema co servizo que tiña contratado.

 

Tras dous meses agardando, a muller afectada volveu insistir solicitando unha contestación, ante o que o Servizo de atención ao cliente de Canal + respondeu literalmente:

 

Sentimos informarle de que desde nuestro Centro de Servicio al Cliente sólo nos es posible atender las comunicaciones realizadas en español. No nos ha sido posible realizar la traducción de su escrito por lo que le rogamos que nos lo vuelva a enviar en español para poder atender su consulta.”

 

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, ironizou sobre o que considerou unha escusa ridícula: “Resulta curioso que unha empresa como Canal +, que presume na súa publicidade de estar na vangarda tecnolóxica, non só non teña persoal capacitado para atender correctamente a súa clientela galega, senón que nin sequera saiba utilizar unha ferramenta tan sinxela como Google Translator para traducir un correo electrónico dunhas poucas liñas”. “Non é críbel que aínda non se enteraran da cantidade de tradutores automáticos de calidade que en liña e mesmo de maneira gratuita traducen sen problema un correo electrónico do galego para o español”, sinalou o presidente da Mesa, mais insistiu en que “o normal e desexábel é que as empresas contraten para os seus Servizo de Atención xente capacitada para entender oralmente e por escrito aos clientes na lingua que falan, e poder ofrecer así unha atención de calidade”,  “hai moitas galegas e galegos que poderían realizar eficazmente ese traballo”.

 

Neste sentido Maceira sinalou que ningunha empresa pode tratar á clientela galega como unha “clientela de segunda” nin ofrecerlle un servizo de peor calidade polo feito de falarmos a nosa lingua. Así, desde A Mesa lembraron que as consumidoras e consumidores galegos teñen dereitos lingüísticos recoñecidos pola lexislación, como a Lei 1/2010, de 11 de febreiro, relativa aos servizos no mercado interior, que recolle na súa disposición adicional sexta que “os prestadores de servizos que operen en territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, con independencia do seu lugar de estabelecemento orixinario, deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüística” e recoñece que “para estes efectos, favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberanlles ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manteren a comunicación oral e escrita en lingua galega”.

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis