Canción “O abecedario”, de Magín Blanco

Presentamos a canción “O abecedario” con letra e música de Magín Blanco. Esta canción complementa o libro O abecedario, con ilustracións de Óscar Villán, publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística.

A música é unha ferramenta fundamental pois con ela motivamos na comprensión e memorización dunha forma divertida. Conseguiremos desenvolver o sentido do ritmo, fomentar a imaxinación e a capacidade creativa, aumentar o vocabulario e favorecer que expresen as emocións.

A letra da canción de O abecedario é unha boa ferramenta para ensinarlles aos nenos e nenas o abecedario galego así como para estimular a linguaxe oral e ao mesmo tempo entretelos. Cantar é un excelente recurso didáctico para os nenos e nenas. Favorece o desenvolvemento da atención, concentración, memoria, imitación, comunicación e socialización.

Esta é a letra da canción do abecedario:

O A abre un agasallo, o B é bolboretiña, o C colle unha cenoria, o D dálla a unha doniña, o E esperta os esquíos, o F vai nunha folla, o G garda das galiñas e o H xa está na horta. Co I miañan os gatos, o L lavou as lentellas, co M imos medrando, co N nenos e nenas. O Ñ ten unha miñoca, o O olla o ollomol, co P os paxaros rin, co Q do quiquiriquí. O R díxolle á raposa que tiña o S na Saia, o T tentou achegarse, o U xa se uliscaba entón o V da vasoira voou ata X da xesta e co Z deste zume fixeron sopa de letras.

Co a, be, ce, de, co e, efe, gue, co hache, co i, co ele, co eme, co ene, co eñe, co pe, co que, co erre, co ese, co te, co u, co uve, co xe, co zeta, faise a sopa de letras.

Canta a canción do abecedario, ensínalles as letras e a ler aos nenos e nenas en galego dunha forma divertida.

Podedes escoitar dúas versións da canción de Magín Blanco. A primeira é a canción do abecedario enteira e a segunda versión só é a segunda parte coas letras do abecedario.

O vídeo ten as ilustracións de Óscar Villán, do libro  publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra