A Mesa pola Normalización Lingüística

Carlos Callón anuncia que deixará de ser presidente da Mesa o vindeiro 26 de abril

O aínda presidente realiza a súa “despedida” do cargo cun alegato de defensa da Mesa como “escudo cidadán do noso idioma” e instando a que todas e todos sexamos “formiguiñas na defensa diaria do galego”.

Nos próximos días presentarase a candidatura continuadora da actual dirección, á cal Callón envía “toda a forza e todo o apoio”.

Encamiñamos a misiva que deu a coñecer hoxe Carlos Callón:

 

Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!)

 

Compañeiras e compañeiros

da Mesa pola Normalización Lingüística:

 

Persoas que amades o idioma de Galiza

mais que (aínda) non facedes parte da Mesa:

 

A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, vai realizar asemblea nacional o vindeiro 26 de abril pola mañá no Centro Sociocultural Ágora da Coruña. Entre os puntos incluídos na convocatoria figura o da elección dunha nova Comisión Permanente. Após un longo período de reflexión, decidín que non vou encabezar ningunha candidatura, de forma que poño punto final ao período en que tiven a responsabilidade e a honra de presidir esta entidade.

 

Hai dúas razóns para isto. A primeira, porque entendo que hai que promover as renovacións para mellor sempre que se puider. Cómpre animar a que asuman responsabilidades en primeiro plano persoas que non só saberán profundar máis nos acertos, senón que poderán tamén corrixir erros e superar algunhas limitacións. Nese senso, estou moi satisfeito por saber que axiña se presentará ao público unha candidatura continuadora, con membros da actual dirección da asociación e coa incorporación de novas mans. Para elas e eles toda a forza e todo o apoio!

 

O outro motivo é que, persoalmente, preciso tamén iso que se di de “asumir novos retos”. Afilieime a esta entidade, a esta necesarísima e utilísima entidade, cando tiña 16 anos. Coa única excepción do período que vai do final da carreira ao comezo do doutoramento, fago parte da súa Comisión Permanente desde os 17; ademais, desde os 23 até os 35 que teño hoxe asumín o mellor que souben a presidencia. Agora o meu desexo é regresar a tempo completo á miña vocación docente, desenvolver varios proxectos que encetei e, así mesmo, continuar co activismo lingüístico e o apoio a esta ferramenta colectiva que é A Mesa, porén xa desde outros lugares.

 

Que ninguén o dubide nin por un nanosegundo: fun, son e serei sempre un sachador das mil primaveras máis e estarei coa Mesa sempre que fixer falta, co seu compromiso inquebrantábel e insubornábel en defensa da lingua que nos une.

 

Coas responsabilidades que tiven na Mesa puiden constatar algo que moitas veces me escoitastes dicir en alto: Todos os adiantos para a nosa lingua se produciron como resultado da presión social. Todos. É certo que en moitas, moitísimas ocasións nos vimos como Sísifo percorrendo unha e outra vez camiños que non se daban deixado atrás (a propósito, como Sísifo e non como Penélope, pois non éramos nós quen desteciamos!). Mais como estariamos hoxe se non houbese 4.000 galegas e galegos constituíndo este escudo cidadán para o noso idioma? Se A Mesa non existise, teriamos que inventala!

 

A listaxe de agradecementos que tería de facer sería moi longa. Non collería en ningunha carta. Quen estiveron aí, tanto no ámbito persoal como no organizativo, sábeno, e o meu corazón tamén. Para min foi moi gratificante ver como a entidade creceu, igual que foi moi reconfortante a confianza e o apoio por parte das socias e dos socios ás sucesivas direccións de que fixen parte.

 

Deixádeme no entanto que explicite a miña gratitude en particular cara a catro persoas. Unha que me asesorou de forma construtiva sempre que fixo falta. Outra que me deu paus verbais para que fose dereitiño e non caese nas trampas. Outra que fixo posíbel que A Mesa non desaparecese na máis forte etapa de ataques que recibiu até o momento, na ferocidade de 2008 a 2010. Outra que soubo ser militante exemplar. Estas catro persoas chámanse Iria Taibo Corsanego. O seu nome nos fastos da historia con diamantes gravado será.

 

Despídome dándovos unha aperta das enormes e animándonos, a todas e todos, a que  continuemos e mesmo revitalicemos o noso activismo diario, como formiguiñas, en defensa da lingua e da cultura desta vella nación que non se resigna a desaparecer. Tiña razón Manuel María ao advertir de que se perdemos a lingua non seremos ninguén. Queremos ser! Sexamos!

 

Sempre voso,

 

Carlos Callón

 

 

P. S.: No caso de estares a ler esta carta e aínda non faceres parte da Mesa, fai o favor de cubrires a fichiña! Se te asociares, A Mesa poderá facer máis e mellor! 😉

 

 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra