A Mesa pola Normalización Lingüística

Carta do portavoz de Queremos Galego ante as eleccións autonómicas

Santiago de Compostela a 17 de outubro de 2012

 

 

Prezada compañeira:

Prezado compañeiro:

 

 

Como ben sabes, durante a última lexislatura producíronse serios retrocesos para os nosos dereitos lingüísticos en ámbitos decisivos da vida social e impúxose un modelo educativo retrógrado que pon en perigo a cohesión social e o futuro do noso idioma.

 

As eleccións do vindeiro 21 de outubro son a oportunidade decisiva para conseguirmos pasar páxina a este nefasto período. Cómpre, para iso, que todas as persoas con sensibilidade pola lingua de Galiza non nos limitemos só a exercer o noso dereito ao voto, senón que tamén nos mobilicemos durante todas as horas que restan de campaña e falemos coa nosa xente para que non se repita a maioría absoluta do Partido Popular.

 

Animemos a “votar en galego”, pois este goberno foi, tamén, unha calamidade para a nosa lingua e para a nosa cultura, un goberno que non acreditou no que nos identifica como pobo. Cómpre que aproveitemos as horas que restan para facermos ese traballo “persoa a persoa”, xa que está a vista de ollos as dificultades para superarmos a censura mediática impulsada polo PP. En concreto, o silenciamento das actividades en defensa do galego por parte da RTVG está a chegar a cotas máis que alarmantes.

 

A Mesa editou un cartaz moi sinxelo cos principais retrocesos padecidos polo noso idioma por orde de Alberto Núñez Feijóo. Podes descargalo desde esta ligazón, tanto para o imprimires como para o divulgares por correo-e, nas redes sociais, etc.:

http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Campaña+Feijóo

 

Por último, quero convidarte a que, se tes perfil na rede social Twitter, utilices durante estas horas as seguintes etiquetas, que poden axudar a lle darmos máis forza á nosa mensaxe:

#OHomeQueOrdenouAMaiorDestruciónDeLibrosEnGalegoDesde1936NonMereceSerReelixidoPresidenteDaXunta

#FeijóoFahrenheit451

 

 

Cunha aperta enorme e esperanzada,

 

 

Carlos Callón

Portavoz da plataforma Queremos Galego

Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra