Comeza a recollida de sinaturas para a iniciativa parlamentaria popular “Xabarín”

Máis de 250 establecementos de todas as comarcas da Galiza colaboran coa Mesa pola Normalización Lingüística na recollida física de sinaturas para a iniciativa parlamentaria que pretende mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

Compostela, 19 de outubro de 2020.- Máis de 250 establecementos de toda Galiza colaboran na recollida de sinaturas para a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galiza co obxectivo de instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego.

Recollemos neste mapa a localización dos puntos de recollida de sinaturas, co obxectivo de facilitar o labor das persoas que queiran apoiar a petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos.
A proposta tamén insta ao goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.
A petición, que reuniu a través da web preto de 15000 sinaturas, chega así á fase de recollida física de apoios, imprescindíbel para o trámite parlamentario. Foi, precisamente, a velocidade e a intensidade con que a sociedade galega respondeu na rede á proposta o que levou a entidade de defensa da lingua a transformar o que inicialmente era só unha petición nunha iniciativa popular que cumprise todos os requisitos para poder ser debatida e aprobada no Parlamento. “Coidamos que é maneira máis eficaz de demostrar a nosa forza colectiva e de transformar en realidade a necesidade”, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira.
Máis información e materiais: https://www.amesa.gal/xabarin

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra