Noticias da Mesa

Compromiso maioritario das forzas políticas coa moción para o cumprimento da Carta Europea das Linguas e a derrogación do decreto contra o galego

 

As forzas políticas asinantes da Declaración de Unidade a prol da normalización, agás o PP, presentarán a moción conxuntamente nas institucións

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

 

 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016-. Diversas forzas políticas con representación municipal e parlamentar mostraron hoxe o seu apoio a unha moción que pretende “facer visíbel en Galiza e no mundo que somos maioría quen queremos poder exercer con total liberdade o dereito a vivirmos na nosa lingua, e que o pobo galego tamén quere que o seu goberno cumpra cos acordos tomados colectivamente e ratificados a nivel internacional como Carta Europea das Linguas”.

“O decreto está morto, ninguén o defende” sinalou Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, en referencia ás posicións públicas das principais institucións culturais e educativas galegas, entre elas a Real Academia Galega, o Consello Escolar de Galiza, a maioría das ANPAS, os sindicatos, e agora por segunda vez o Consello de Europa, o que pon “gravemente en cuestión a fiabilidade internacional e o crédito político do goberno galego e en consecuencia de todas e todos nós”. Por isto, para a Mesa, “é urxente visibilizar que estamos unidas as organizacións políticas e as entidades sociais procurando que o noso goberno cumpra cos compromisos colectivos e internacionais sobre a lingua” e que “garanta plenamente a posibilidade de vivirmos en galego como mellor política de promoción do idioma”.
“A parálise do goberno galego en relación ao galego é o motor do seu retroceso, por iso cómpre actuar para avanzar, con unidade en torno a aspectos básicos como o cumprimento do PXNLG e a Carta Europea, tal como se acordou na Declaración de Unidadade asinada en xullo, e colocando a lingua como o que é: a principal obra colectiva, sinal de identidade e cohesión social do pobo galego, que precisa de ser cuestión de política nacional por riba das lexítimas diferenzas ideolóxicas”, aspecto no que coincidiron todas as forzas políticas presentes.

En representación dos partidos que presentaran a moción nos concellos onde teñen representación acudiron: Xavier Xil Xardón (Resp. Lingua de Anova-IN), Ana Pontón Mondelo (Parlamentaria do Bloque Nacionalista Galego), Fernando Alonso (secretario xeral de Coalición Galega), Consuelo Martínez (Parlamentaria de Cerna), Manoel Vello (Executiva de Compromiso por Galicia), Xaime Requeixo (Executiva de Converxencia 21), Xabier Ron (Parlamentario, membro executiva de Esquerda Unida), Xesús Manuel Suárez (Presidente do Partido Galeguista), María Concepción Burgo (Parlamentaria do PSdG-PSOE), e enviaron a súa adhesión Terra Galega, Alternativa dos Veciños e Equo- Galiza.

A moción insta á Xunta de Galiza a:

– Cumprir con todas as recomendacións do Consello de Ministros e do Comité de Expertos do Consello de Europa, e exixir do Estado español a aplicación real dos seus compromisos en relación coa Carta, tal e como indica o Consello de Ministros.

– Dar os pasos necesarios para cumprir co sinalado na alínea 640 do informe que afirma que o decreto 79/2010 de plurilingüísmo contradí o estabelecido na Carta, e o punto 5º da resolución do Consello de Ministros, onde sinala que a introdución dunha terceira lingua no ensino non pode afectar negativamente á propia.

– Elaborar de maneira ampla e consensuada un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde co sinalado na Carta Europea.

– Que mentres non se elabora o novo decreto, modifique o actual derrogando os artigos que poñen límites ao uso do galego nas aulas, como as porcentaxes máximas de materias a impartir en galego nos centros e a prohibición de impartir na nosa lingua as materias científico-técnicas ou matemáticas.

-Garantir unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis