Concentración: Polo dereito á atención en galego, 14 de marzo ás 12:00 h en Lugo

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha concentración a próxima cuarta feira, 14 de marzo, en Lugo polo dereito á atención en galego.

A Mesa fai un chamamento para defender socialmente a nosa lingua e os dereitos lingüísticos que temos como galegofalantes e como resposta ao caso de vulneración de dereitos lingüísticos  acontecido a semana pasada na que unha cidadá non recibiu a atención en galego, despois de solicitalo, no edificio administrativo da Xunta en Lugo

A Mesa pola Normalización Lingüística xa enviou queixas ás diferentes institucións para denunciar este caso de discriminación lingüística  acontecido na Delegación da Xunta de Galiza en Lugo.

Segundo recolle diferente lexislación as cidadás e cidadáns teñen dereito á atención en galego na administración e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que solicite a cidadanía..

Estes dereitos lingüísticos están recollidos no Estatuto de autonomía de Galiza no seu artigo 5.4. que promulga que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua, a Lei 3/1983 de normalización lingüística no artigo 6.1. recolle que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública e A Lei 2/2015 do 29 de abril do emprego público de Galiza.

A negativa do funcionariado de atender esta persoa nun idioma oficial contraviría tamén lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para as/os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

Desde a Mesa consideran que estas situacións  onde se impide exercer o dereito a ser atendida/o en galego é un claro exemplo de vulneración de dereitos lingüísticos.

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra