Noticias da Mesa

A Consellaría de Sanidade anima a non usar o galego nas oposicións ao SERGAS

Para a Xunta, o castelán prevalece sobre o galego e así o fan constar nas instrucións sobre a proba

 

Marcos Maceira:  “A utilización do galego pola Xunta e o Sergas pasou da letra pequena e en cursiva a indicar a  súa inutilidade”

 

“Este desprezo ao galego ten responsábeis e deben ser cesados”

 

Santiago de Compostela, 30/05/2016-. A pasada fin de semana tiveron lugar, no recinto ferial de Silleda, os exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde, que contaron cun total de 1.033 aspirantes.

Na folla de instrucións ficaba claro como para o Sergas e a Xunta de Galiza o galego non é máis que un adorno. Din textualmente que “ En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.

Esta afirmación é un auténtico compendio de prexuízos baseados no odio ao galego e no supremacismo lingüístico. En dúas liñas demostran a consideración que lle dan ao galego na Xunta, na Consellaría de Sanidade, e no Servizo Galego de Saúde.

Segundo indica a propia Consellaría de Sanidade, as preguntas só poden estar mal feitas, con erros tipográficos ou de transcrición na versión en lingua galega, o que ao mesmo tempo quere dicir que ou o castelán ten algunha capacidade, descoñecida en calquera outra lingua, de autocorrección contra grallas de calquera tipo, ou que o texto en galego non se revisa, non interesa, e non se elabora cun mínimo de rigor. Só se pode concluír que a única finalidade de dar opción en galego é decorativa, pois a recomendación é clara: quen queira aprobar debe facer a proba en castelán, pois só nesta lingua hai garantías de que as preguntas está correctamente elaboradas.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estamos ante un feito gravísimo, indicativo do desprezo do actual goberno galego polo idioma de Galiza”. Maceira lembrou como a primeira medida de Núñez Feixó ao chegar á Presidencia da Xunta, foi eliminar a proba en galego para o acceso á función pública. “Agora dá un paso máis inutilizando a opción en galego, e animando directamente a non utilizalo”.

 

Esta conduta non é nova, xa que se ven repetindo durante as últimas convocatorias de oposicións para formar parte do persoal do Servizo Galego de Saúde. “Débense depurar responsabilidades nuns feitos que se repiten e que só contribúen a desprestixiar mási a lingua galega desde as mesmas institucuón que teñen obriga de promocionala e defendela” sinalou Maceira.

A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou enviou a súa a queixa e petición de responsabilidades á Valedora do Pobo, á Consellaría de Sanidade e á dirección do Sergas, e reclamou unha actuación inmediata da Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao propio presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixó.

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis