Continúa a cruzada contra o galego do alcalde do Carballiño. En galego nin se atende nin se paga

Os impresos do Servizo de Xestión Tributaria do concello exclúen o galego, e só están dispoñíbeis en español e en inglés

A Mesa xa denunciara hai uns meses que a empresa concesionaria do Servizo de Xestión Tributaria se negaba a atender á cidadanía que fala galego

Marcos Maceira: “O alcalde Marnotes debería velar polos intereses e dereitos da veciñanza, entre os que están os lingüísticos, e non polos intereses desta empresa, que só pensa en cobrar desprezando os veciños”

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2014.- A Mesa denunciou esta mañá que o Concello do Carballiño subiu un novo chanzo nos seu desprezo á oficialidade do galego.

 

No mes de xullo A Mesa pola Normalización Lingüísitca presentara unha queixa diante do Valedor do Pobo porque a empresa concesionaria do servizo de recadación municipal do Carballiño se negaba a atender á cidadanía que falaba galego, incumprindo desta forma a lexislación.

 

O Valedor admitiu esta queixa e como é habitual requeriu información do Concello. No informe que lle remitiu o  Concello, comprometíase a solucionar o feito de que neste servizo privatizado só se falase e entedese o español. Literalmente sinalaba:

 

“Respecto da queixa formulada por D. Marcos Maceira Eiras, referíndose ao incumprimento da lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais, se lle informa (sic) que dende esta alcaldía mantívose (sic) unha reunión o día 24 de xullo co director territorial da empresa recaudadora, D. Blas Acosta Madueño, que foi onde se atendeu ao cidadán, comprometéndose a solventar o erro cometido.”

 

Efectivamente, a solución que deron o alcalde e a empresa ás reiteradas vulneracións dos dereitos lingüísticos da cidadanía do Carballiño non se fixo esperar. A Mesa puido comprobar como agora os impresos do Servizo de Xestión Tributaria do Carballiño xa están en bilingüe. Iso si, bilingüe en español e inglés, excluíndo como vén sendo habitual o galego.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística  fixo chegar esta mañá de novo unha denuncia ao propio Concello e ao Valedor do Pobo. Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira “O alcalde ten que deter a cruzada antigalego que iniciou”.

 

“É ofensivo para a cidadanía do Carballiño, e a galega en xeral,  que a única resposta que se dea ante o desprezo cara á lingua galega e os seus falante por parte da empresa concesionaria dun servizo municipal, sexa engadir o inglés nos impresos” sinalou Maceira.

 

A Mesa volveu exixir a revogación da concesión a esta empresa que só mostra interese por cobrar, desatendendo gravemente a cidadanía que ten todo o dereito a se expresar na súa lingua, tanto oralmente como por escrito.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra