Declaración conxunta das entidades que traballan polas linguas e a súa igualdade, diante do proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual

Diante da aprobación do proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual por parte do consello de ministros celebrado onte, as entidades cívicas e culturais que traballamos pola igualdade das linguas manifestamos:

Que consideramos claramente insuficientes os avances para as nosas linguas que se inclúen neste texto en relación aos textos feitos públicos anteriormente. Polo tanto, haberá que mellorar a fondo e moi significativamente o redactado da lei durante o seu trámite parlamentario.

Entendemos que unha lexislación xusta e democrática ha de recoñecer, defender e promover a pluralidade lingüística e cultural do Estado español, e ha de contribuír á rehabilitación e recuperación dos espazos até hoxe negados ás nosas linguas. Por isto, instamos a todas as forzas políticas e ao goberno español a que, durante o trámite nas Cortes Xerais, o texto da futura Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, inclúa como principio básico, o recoñecemento, defensa, garantía e promoción da pluralidade lingüística. Pluralidade que se debería de concretar, cando menos, en dous ámbitos:

Primeiro, igualando contido e porcentaxes mínimas en todas as linguas do Estado en dobraxe, lexendaxe e audiodescricións.

E segundo, igualando as obrigas de financiamento de producións audiovisuais nas diversas linguas do Estado, for para plataformas dixitais ou para canles televisivas. Lembramos que o  audiovisual é un dos sectores onde máis evidente é a exclusión das linguas diferentes do español. Dos miles de títulos nos catálogos de plataformas audiovisuais como Netflix, HBO Max, Prime Video, Rakuten TV, Apple TV, Movistar+ ou Disney+, entre outros, só unha porcentaxe anecdótica no mellor dos casos, maioritariamente producións propias, está nas nosa linguas. Porén, a oferta dobrada ou lexendada en español é completa, mesmo en diferentes variedades, e dispomos de ducias de linguas no conxunto da oferta sen isto supor nengún problema.

Até hoxe, a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o castelán sen indicación nen recoñecemento, fóra da retórica baleira de contido doutros textos legais, das outras linguas existentes no Estado español.  Impídese así que a infancia, a mocidade e o conxunto do público goce na súa lingua da ampla oferta dispoñíbel de programas de televisión, series e filmes.

Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión das nosas linguas é máis evidente e que, ao tempo, é unha das ofertas de lecer máis empregadas pola cidadanía en xeral e a mocidade e infancia e particular. Estes dous elementos converxen nun sector estratéxico para calquera pobo como o audiovisual, con grande capacidade para contribuír ao desenvolvemento lingüístico, cultural e económico dos nosos países.

Asinan esta declaración: A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Euskalgintzaren Kontseilua (Euskal Herria), Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua, Ciemen, Acció Cultural del País Valenciá, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana, Associació Cultural Valenciana Tirant lo Blanc, Federación de Organitzacions per la Llengua (Països Catalans)- Iniciativa pol Asturianu (Asturies), Nogará religada (Aragón).

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra