Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega

Declaracion2_foto_XanMuras

 

Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega

A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.

O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político.

Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para erradicar vellos e novos prexuízos.

É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.

Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime do Parlamento galego.

As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno.

Santiago de Compostela, Galiza, 15 de xullo de 2015

No 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro

 

Interviron no acto e asinaron en nome das forzas políticas con representación en Galiza: Esther Garrido, da Alternativa dos Veciños; o responsábel de lingua de Anova, Antón Dobao; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; a portavoz nacional de Cerna, Consuelo Martínez; Rafael Cuíña por Compromiso por Galicia; o secretario xeral de Coalición Galega, Fernando Alonso; o voceiro de Esquerda Unida, Xavier Ron; o voceiro parlamentario de lingua e cultura do Partido Popular, Agustín Baamonde; a secretaria de organización do PSdG-PSOE, Pilar Cancela e mais o secretario xeral de Podemos-Galiza, Breogán Rioboo.

Finalmente non puideron estar presentes no acto mais mandaron a súa adhesión á Declaración os responsábeis de Converxencia XXI, Terra Galega e Partido Galeguista.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra