Noticias da Mesa

“Endemoñados”, artigo de Francisco Rodríguez sobre o xuízo ao presidente da Mesa

O activista, investigador sobre a nosa lingua e literatura e un dos fundadores da Mesa reflexiona sobre a sesión pública do xuízo contra Carlos Callón, tras este recriminar a un xuíz pola súa vulneración da Lei de normalización lingüística.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

“Endemoñados”, por Francisco Rodríguez

Asistín ao xuízo a Carlos Callón, o noso digno e espelido representante da Mesa, denunciado, nada menos, que por facer valer a legalidade en materia de toponimia, o uso da forma A Coruña como única válida oficialmente. Resulta paradoxal e tráxico que se poida sentar no banquiño dos acusados a alguén por esixir que se respecte a lei. Xa se ve en que democracia vivimos. Porén, aínda resulta máis descarado e lacerante que fose un xuíz, habituado a desprezar nas súas sentencias escritas e nas súas declaracións públicas a legalidade vixente na materia, o denunciante pretextando que as críticas recibidas son inxurias. É difícil imaxinar maiores doses de cinismo e un máis grave comportamento, tratándose dun funcionario da Administración de Xustiza que, segundo se di, está como garantía da legalidade nos obrigar a todos sen excepcións.

Houbo dous momentos na sesión pública deste xuízo que son antolóxicos e que, en puridade democrática, deberían valer para descualificar o denunciante e a súa defensa sen remisión posíbel. Un deles foi cando o ofendido xuíz afirmou, con menosprezo, que non coñecía ben as sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional, ratificando a legalidade da normativa que establecía a forma do topónimo da cidade da Coruña e da respectiva provincia e desestimando todos os recursos presentados en contra. Para nota. Noutra profesión, un menosprezo e descoñecemento de tal calibre en materia de competencia propia, sería non só obxecto de crítica pública, senón argumento máis que suficiente para a invalidación profesional. A actitude do xuíz denunciante evidencia que a trama contra o topónimo A Coruña estivo e está constituída tamén por membros da Administración que pretenden amparar a súa intriga na impunidade corporativa.

O outro momento foi cando o avogado do demandante explicou, con xesto e voz beatífica, que ficaba demostrado, após a declaración do acusado, que non distinguía o ben do mal, como nos pasaba a todos os que o apoiabamos. Entón foi cando a sesión pasou do cinismo á intimidación, con recurso aos siloxismos propios da Inquisición, perfumados polo arrecendo modernizador do maniqueísmo imperial ianqui. Abriuse unha fenda na cativa e agoniante sala, que comezou a supurar unha mestura de relixión e moral que afogaba pola súa impostura, destinada a que a ameaza divina incitase á condena do que ousa rebelarse contra o atropelo. Como pode ser posíbel e permisíbel que un galego digno se atreva a criticar o comportamento dun xuíz que expresa o seu desprezo pola cativa legalidade que ampara o noso idioma e mesmo a nosa identidade orixinaria? Intolerábel. É que non se decata o insubordinado e os seus bárbaros seguidores do mal que lle fan á autoridade moral do xuíz pondo o seu nome na praza pública acusándoo de non respectar a lei? Por suposto, todos somos iguais, non faltaría máis, bisbou o avogado papista, mais, claro está, o xuíz, pola súa función, non pode ser albo, sen grave quebranto moral colectivo, dunha crítica que atinxe o seu honor. Tanta ousadía do acusado acada, pois, o nivel do demoníaco; indica unha falta de principios morais que merece ser punida, se queremos manter a respectabilidade e superioridade moral dos que exercen cargo tan excelso. A acusación intentou así esvarar á idea de que se ofendeu á corporación dos xuíces. Mais o que alí se estaba a xulgar era se estaba comprobado que o entón xuíz decano, no exercicio das súas funcións, por escrito e oralmente, violara a legalidade vixente na materia, de forma repetida e ostentosa, e se era conforme a un estado democrático recibir por iso críticas e denuncias públicas, esixindo rectificación, por parte dos cidadáns. Se un xuíz viola unha lei, non é o corolario lóxico pensar que pode violar máis, cando lle conviñer, ou simplemente porque non as acata aplicándoas?

Como sempre foi rotunda e consecuente a declaración de Carlos Callón, firme e co sorriso na boca, en representación de milleiros de endemoñados e endemoñadas que non estamos dispostos a permanecermos resignados perante tanto desprezo, arrogancia e opresión que a divindade española aplica, inocula e impón para nos obrigar a que abxuremos do noso pecado orixinal: sermos e querer seguir sendo galegos e galegas de nación.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis