Reclamamos no Congreso dos Deputados “compromisos concretos” coa defensa dos dereitos lingüísticos de toda a cidadanía

Esta mañá reunímonos, xunto con outras que traballan pola normalización de linguas minorizadas, coa presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxel Batet, e mais con representantes de PSOE, Unidas Podemos, BNG, EHBildu, ERC, JxC, CUP, Compromís, EAJ-PNV e Más Madrid

Madrid, 11 de febreiro de 2020.- Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, visitou esta mañá o Congreso dos Deputados para reclamar, xunto con Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua; Francesc Marco, da Plataforma per la Llengua; Inaciu Galán, de Iniciativa pel Asturianu; e Laia Maurí, de Escola Valenciana, “compromisos concretos” coa defensa dos dereitos lingüísticos de toda a cidadanía á presidenta do Parlamento, Meritxell Batet e a representantes de PSOE, Unidas Podemos, BNG, EHBildu, ERC, JxC, CUP, Compromís, EAJ-PNV e Más Madrid.

Representantes dos axentes sociais lembraron, en primeiro lugar, aos representantes políticos que, malia os compromisos adquiridos a nível internacional como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias ou a Declaración Universal de dereitos lingüísticos e da cooficialidade nalgúns territorios, “o Estado español non quixo adaptarse á diversidade lingüística e limitouse a un recoñecemento máis teórico que práctico e partindo, sempre, da superioridade do español a todos os níveis”. “Esta inacción”, aseguran, “é causa da ameaza constante de regresión por parte de certos sectores políticos que se  intensificou nos últimos tempos, e permite que na actualidade se manteñan legalmente coaccións, discriminación e desatención a cidadáns por pretender usar a súa lingua propia”. O Goberno español terá que explicar, o vindeiro 1 de agosto, como vai resolver as deficiencias na defensa dos dereitos lingüísticos da súa cidadanía denunciadas polo Consello de Europa.

Marcos Maceira lembrou que en 2020 a administración do Estado obriga a cidadáns a usar o castelán para facer trámites obrigatorios como o pago de impostos, multas ou taxas e citou o exemplo do IDAE que, “por cuarta vez, prioriza a discriminación dunha lingua oficial á necesidade de facer fronte á mudanza climática, rexeitando axudar os concellos que empregan o galego”. “Actúase igual para outras situación de emerxencia”, afirmou Maceira, e recordou que o exército indica nun convenio coa Xunta a obriga de se dirixir ao seu persoal en español.

“A xustiza é cega e xorda para os cidadáns que queren usar a súa propia lingua”, abundou o presidente da Mesa perante representantes das principais forzas políticas do Estado, “o coñecemento da lingua do territorio considérase só un mérito e, polo tanto, vulnérase o dereito á tutela xudicial efectiva naquelas linguas diferentes do castelán”. Tamén na saúde se producen discriminacións lingüísticas, “premios Nobel teñen que saber español para exercer, mais non teñen que entender as explicacións en lingua propia de cada territorio”. Maceira denunciou o “racismo lingüístico” que supón crer que hai comunidades superiores con linguas superiores. “O 40% da poboación do Estado fala unha lingua diferente do español, mais non pode facer moitos trámites necesarios. A propia páxina do Congreso está en inglés, mais en ningunhas das linguas cooficiais”, recordou.

“Queremos poder vivir nas nosas linguas coa mesma facilidade, coa mesma dificuldade, que un cidadán de Madrid en castelán”, afirmaron as e os representantes das entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado. “Non queremos especial respecto e protección (CE art. 3.3), senón o mesmo tratamento a todos os niveis nos nosos territorios. Nin máis nen menos”. “O racismo lingüístico non pode ter o amparo do BOE”, sentenciaron.
Por este motivo, lembraron, irromperon en Madrid en plena campaña electoral para presentaren o documento de compromisos Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia. “Foi a consecuencia dunha reflexión conxunta derivada da necesidade de pór enriba da mesa compromisos políticos concretos que, fronte ás ameazas, servisen para dar seguridade, garantías e pleno recoñecemento no Estado a todas as linguas proprias”.  “Fronte ás ameazas”, aseguran, “debemos afirmar que ningún grupo humano é superior a outro por nengunha razón, tamén non o é por razón de lingua, e que é o Estado quen se debe adaptar a esta realidade e non ao revés, modificando todo o que for preciso para atender a este feito”.

Segundo os axentes sociais “un Estado debe ser excluínte con todas as discriminacións sexa cal for a súa razón, tamén a lingüística”, polo que “se de verdade se quixeren avances na democracia e no recoñecemento de dereitos humanos débese sinalar  a diferenza con eses partidos que atacan a pluralidade e a diferenza en todas as súas formas, tamén na lingüística. Por isto, os partidos deben tomar compromisos concretos” acrecentaron. Tal e como dixemos hai unhas semanas, “os partidos políticos non poden ser simples espectadores perante as ameazas que se están a realizar para pór en andamento medidas que imposibiliten e acernen o dereito a vivir nas nosas linguas. É o momento de se mollar”.

Os axentes sociais cren que se dan as condicións adecuadas para dar un xiro no que atinxe á garantía dos dereitos lingüísticos da cidadanía. “Por isto fixemos unha proposta con seis compromisos concretos que se poden levar a cabo desde mañá mesmo, se realmente existir unha vontade política de construír unha sociedade baseada na liberdade, a igualdade e a democracia. Quer dicir, unha sociedade sustentada na diversidade lingüística” engadiron.

Ademais, os axentes sociais coidan que os compromisos marcados na súa proposta foron avalados tanto nas Recomendacións do Comité de Ministros como nas do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no último informe sobre o seu cumprimento por parte do Estado.

Por último, os axentes sociais quixeron valorar tamén a reunión coa presidenta do Congreso, Meritxel Batet, agradecendo o xesto da presidenta dunha das máis relevantes institucións do Estado. É un primeiro paso de recoñecemento que esperamos poida ter concreción práctica nesta lexislatura.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra