Noticias da Mesa

Entrevista a Carlos Callón: “A forza do noso amor ao galego non foi inútil”

Reproducimos a entrevista, do pasado 1 de decembro, que o xornal electrónico Galicia Confidencial lle realizou ao presidente da Mesa.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Carlos Callón: “A forza do noso amor ao galego non foi inútil”

Vostede, se non me equivoco, é profesor nun instituto. Cúmprese o Decreto nas aulas?

O decreto di que debe ministrarse entre un 33 e un 50% do ensino en galego. No cálculo máis optimista para o noso idioma, só arredor do 20% do horario lectivo é na lingua de Galiza. Nin catalán nin vasco teñen unha situación semellante en ningunha das comunidades autónomas en que son oficiais eses idiomas.
 
Seguiu o discurso de investidura de Feijóo? Que pensou cando o presidente presumiu de que unha terceira parte dos nenos reciben algunha materia nun terceiro idioma?

Feijóo ten o discurso propio dun tertuliano cínico e só lle importa que as súas mentiras se poidan adaptar o suficiente para poder dar co titular propagandístco. O mellor para todas e todos sería que o presidente do Goberno galego coñecese cales son as carencias do ensino, cales son os obxectivos realistas que nos podemos pór e cales son as vías para os conseguirmos. Isto vale para a cuestión da lingua e para todas as demais.
 
Como avalía os plans da Xunta para, malia a sentenza do TSXG, non derrogar o decreto do plurilingüismo?

Desde A Mesa e desde Queremos Galego non toleraremos que a Xunta desafíe os tribunais nin que manteña este decreto como un morto vivo. Se non o derrogan e non garanten unha presenza do galego no ensino segundo o acordado no Plan xeral de normalización da lingua galega, chamaremos de novo á mobilización social.
 
Á Mesa válelle con que a Xunta reforme os dous artigos que o TSXG declarou contrarios a dereito?

O TSXG, ademais de tombar dous artigos, realiza unha reflexión de calado sobre cales deben ser as liñas que teñen que orientar a política lingüística: a normalización lingüística, as competencias comunicativas en galego, o reequilibro a favor do noso idioma… O decretazo actual non cumpre con nada diso. Debe derrogarse.
 
Hai catro sentenzas pendentes e o conselleiro xa apuntou a posibilidade dun recurso ao Supremo. O preito promete ser de lustros, daquela teremos Decreto durante moitos anos, guste ou non …

O PP pode prolongar a agonía legal do decretazo, mais a batalla simbólica xa a perderon, en todos os planos: no social, no político, no xurídico, no educativo. Agora temos novas forzas para saír á rúa en defensa do ensino en galego. Demostramos que a forza do noso amor non foi inútil. Non o será nunca.
 
Debe dimitir o conselleiro Jesús Vázquez?  Por que?

Agardo que non o nomee Núñez Feijóo. É unha persoa que non cre nas capacidades de Galiza e que non ten aptitudes para o diálogo.
 
E en que lugar cre que queda tras a sentenza Anxo Lorenzo? El é un dos responsábeis políticos do Decreto, no seu momento foi un crítico das denuncias da suposta imposición do galego e hoxe continúa de alto cargo na Xunta …

Hai situacións que dan vergoña allea e despois está Anxo Lorenzo. Xa non o digo só polas súas viravoltas partidarias segundo de onde veñan os euros nin polos feroces ataques contra o galego que el encabezou. É que un responsábel político ten que saber asumir os fracasos, mais el nin tan sequera recoñece que a sentenza do Tribunal é iso: unha sentenza.
 
Feijóo comezou a súa primeira lexislatura abrazado as teses de Galicia Bilingüe, grupo crítico coa normalización do que hoxe refuga. Cre que o PP, ante a masiva mobilización de Queremos Galego, está a tentar apagar a polémica que el mesmo axudou a montar?

Levan tempo tentando apagar o lume que prenderon, mais queren apagalo varrendo a oposición social ás súas políticas contra o galego. Non o conseguirán.

Pode haber censura mediática e sectarismo na distribución das axudas públicas, mais hai un segmento importante da sociedade que non está disposto a ver como enterran os elementos caracterizadores da nación galega, entre os cales ten un protagonismo substantivo a lingua.
 
Como convencería  unha persoa crítica coa normalización de que discriminar positivamente ao galego no ensino e na administración é necesario para garantir que  non morra.

Talvez lle reproduciría varias liñas da sentenza do TSXG de que falabamos antes. En moitas esferas da vida comprobamos que é necesario dar un apoio adicional a quen se encontra en inferioridade de condicións para que poida existir unha verdadeira igualdade.

Ademais, se en Galiza non usamos o galego, onde se vai usar? Non podemos abdicar das nosas responsabilidades.

Cambiando de tema, comeza unha nova lexislatura e volve a gobernar o PPdeG. Que medidas concretas lle reclamaría ao próximo responsábel da Política Lingüística da Xunta en campos que non sexan o do ensino?

A Mesa fai totalmente súas as guías de traballo que supoñen o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. O que ten que facer o Goberno galego é cumprir.

 Mobilización do Decreto á marxe, en que iniciativas traballa arestora a Mesa?

O noso principal traballo diario, moi absorbente, é dar resposta ás queixas que nos chegan por vulneracións de dereitos lingüísticos, aínda que só unha parte pequena dos casos que tramitamos cheguen a coñecerse publicamente. Continuamos tamén coa liña das denuncias internacionais, sobre o cal daremos a coñecer axiña novos pasos de grande interese. Así mesmo, outro dos nosos eixos de traballo é o proxecto Abertos ao Galego, unha rede de empresas que apostan polo idioma do país; queremos fomentar a idea do consumo responsábel co galego.
 
E como vai o seu preito por dicir que un xuíz da Coruña que ditaba sentenzas co topónimo de La Coruña estaba violando a Lei?

Este venres mesmo continúa esta historia kafkiana no xulgado de instrución número 2 da Coruña.  Un xuíz denúnciame porque defendín verbalmente a Lei de Normalización Lingüística e o procedemento, que ía ser arquivado hai máis dun ano, reabriuse e continúa vivo a estas alturas, catro anos despois. Así anda a xustiza, mais non nos calarán.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis