Noticias Noticias da Mesa

Estreamos o vídeo da canción de Magín Blanco Os meses do ano, a partir das ilustracións de Xulia Vicente para O tempo cronolóxico

Na véspera do comezo de curso, estreamos “Os meses do ano“, o videclip da canción creada e interpretada por Magín Blanco a partir de O tempo cronolóxico, o fermoso libro ilustrado por Xulia Vicente que axuda a cativada galega a coñecer o nome das principais unidades de medida temporal na nosa lingua. Esta canción complementa o tema “Na segunda feira“, de Mamá Cabra, difundida dentro da campaña de Nós feiramos de 2ª a 6ª pola recuperación dos nomes tradicionais da semana que desenvolvemos, xunto con Agal, hai un par de anos.
O tempo cronolóxico forma parte -xunto con O abecedario, As aves, Os peixes e outra fauna mariña e O tempo meteorolóxico- do proxecto didáctico que adicamos á educación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa. O videoclip está dispoñíbel en youtube (ligazón) e o libro O tempo cronolóxico pódese mercar nas librarías do país e mais na web por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un anaco dispoñíbel para consulta aquí.

O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), un dos máis coñecidos creadores de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador do universo que habitan A nena e o grilo e máis de Camiños, así como dalgunhas das composicións que forman parte de libro discos de referencia para a cativada do país como María Fumaça, Rosalía Pequeniña ou Canta o Cuco, Magín Blanco ponlle música e voz ás cancións que acompañan todos os títulos da colección que A Mesa adica á educación infantil, coas cancións O abecedario, Voa paxariño, Peixiños do mar, O tempo meteorolóxico e con este Os meses do ano que se estrea hoxe.

A ilustradora do volume é Xulia Vicente (Cariño, 1993) estudou Belas Artes en Valencia, onde reside dende entón. Dende 2016 publica varios traballos de banda deseñada, como Anna Dédalus: El misterio de la mansión quemada (Andana Editorial), con Miguel Ángel Giner Bou e Núria Tamarit; Duerme Pueblo (Ediciones La Cúpula), de novo xunto a Núria Tamarit; e as dúas primeiras partes da triloxía Sello de Dragón (Sallybooks) con guión de Manuel Gutiérrez. Colabora, ademáis, en revistas e fanzines tanto nacionais coma internacionais, como 2000AD, Xiulit, Nimio ou Sacoponcho. Actualmente adícase á ilustración mentres continúa a traballar na última entrega da mencionada triloxía de fantasía xuvenil.
A Mesa quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode descargar no portal web da Mesa (ligazón). Os poucos materiais didácticos que existen para esta etapa débense ao compromiso das e dos educadores e mais á iniciativa social ou privada e dalgúns concellos, sen que haxa respaldo e promoción por parte da Xunta, que se desentende de poñelos a disposición das escolas. Isto supón un agravio comparativo, posto que o profesorado que queira traballar na nosa lingua coa cativada ten que elaborar os seus propios materiais.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis