Noticias Noticias da Mesa

Estreamos o videoclip realizado por Miguel Robledo a partir da canción O tempo meteorolóxico de Magín Blanco

A Mesa pola Normalización Lingüística estrea hoxe O tempo meteorolóxico, o videclip realizado polo ilustrador Miguel Robledo a partir da canción de Magín Blanco para acompañar o fermoso libro ilustrado homónimo que axuda a cativada a identificar os fenómenos meteorolóxicos e o seu nome en galego. Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa. O videoclip está dispoñíbel en youtube (ligazón) e o libro O tempo meteorolóxico pódese mercar nas librarías do país e mais na web da Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un anaco dispoñíbel para consulta aquí.

O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), un dos máis coñecidos creadores de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador do universo que habitan A nena e o grilo e máis de Camiños, así como dalgunhas das composicións que forman parte de libro discos de referencia para a cativada do país como María Fumaça, Rosalía Pequeniña ou Canta o Cuco, Magín Blanco ponlle música e voz ás cancións que acompañan todos os títulos da colección que A Mesa adica á educación infantil, coas cancións O abecedario, Voa paxariño, Peixiños do mar e con este O tempo meteorolóxico que se estrea hoxe.

O autor do videoclip e ilustrador do volume é Miguel Robledo (Ourense, 1970), que como autor de cómic colaborou con La Voz de Galicia, Factoría K e El Jueves e como ilustrador editorial ten obras publicadas por Edicións Xerais, Mcgraw Hill USA, Santillana DuendeBux e Eurisaces Editora. Na actualidade é director creativo de Punto e Coma. Tamén traballou no proxecto de serie de televisión 3D O labirinto dos soños, realizou tanto a arte conceptual e do storyboard de Holy Night e o concepto de animación e a preprodución de Objetos perdidos. Como docente, ofreceu cursos e obradoiros para a Universidade de Vigo, Espacio Creativo The Room e foi titor en formación en centros de traballo para a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.

A Mesa quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode descargar no portal web da Mesa (ligazón). Os poucos materiais didácticos que existen para esta etapa débense ao compromiso das e dos educadores e mais á iniciativa social ou privada e dalgúns concellos, sen que haxa respaldo e promoción por parte da Xunta, que se desentende de poñelos a disposición das escolas. Isto supón un agravio comparativo, posto que o profesorado que queira traballar na nosa lingua coa cativada ten que elaborar os seus propios materiais.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis