Noticias da Mesa

Facebook continúa con Arteijo e Rianjo por causa da Xunta

A Mesa denuncia que moitos topónimos que se normalizaran na vida social nos últimos trinta anos estanse a visibilizar de novo coas súas formas detrupadas

A asociación en defensa da lingua sinala como responsábeis os mapas “Bing” que usa Facebook, que pertencen a Microsoft, compañía coa que a Xunta en xeral e a SXPL en particular asina convenios millonarios

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 15 de maio e 2013.- Á Mesa pola Normalización Lingüística chegan habitualmente queixas polo uso de toponimia deturpada en redes sociais tan populares como facebook. Topónimos barbarizados como Puebla del Caramiñal, Rianjo, La Estrada, Sotomayor, Orense, Ginzo de Limia…

 

No caso dos perfís persoais pode ter amaño para as persoas concienciadas, non pondo localización no perfil ou inventándoa como fai moita xente. O problema é que nas “páxinas” de facebook e nos eventos é obrigatorio pór un “enderezo real” no que hai que escoller a Vila/cidade das opcións que se despregan no campo correspondente, no que os topónimos galegos están case todos deturpados. Neste sentido, un comerciante da Pobra do Caramiñal contactou coa Mesa indignado porque se quería facer unha páxina de facebook para o seu bar tiña que pór que estaba en “Puebla del Caramiñal” ou optar por non ter páxina de facebook, unha ferramenta de publicidade case imprescindíbel hoxe en día.

 

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística salientan a gravidade deste tipo de situacións, que están a botar por terra todo o traballo feito nos últimos últimos trinta anos na restauración das formas correctas dos nosos nomes de lugar.

 

Denuncian así que sobre todo entre a xente moza, a que máis utiliza este tipo de ferramentas, se están a popularizar de novo topónimos españolizados que non tiñan uso social desde o final do franquismo. Así o confirmou un adolescente que contactou coa Mesa para denunciar que cada vez que enviaba unha mensaxe no mobil desde o facebook aparecíalle ao seu destinatario a indicación “mensaxe enviada desde Viana del Bollo”.

 

A Xunta de Galiza, responsábel

 

Na Mesa sinalaron a responsabilidade da Xunta de Galiza, non só pola súa pasividade malia a súa obriga legal de protexer a nosa toponimia, senón porque ten na súa man corrixir esta situación.

 

Desde a asociación en defensa da lingua lembraron que os responsábeis da deturpación dos nosos nomes de lugar en gran parte destas aplicacións son os mapas “Bing” que usa Facebook, que pertencen a Microsoft, compañía coa que a Xunta en xeral e a SXPL en particular asina convenios millonarios.

 

Neste sentido A mesa instou á Xunta a exixirlle a Microsoft que respecte a nosa toponimia e que a corrixa nos seus mapas, ou do contrario que anule os millonarios convenios que teñen asinados, convenios por outra banda totalmente innecesarios dadas as alternativas de software libre existentes, en xeral de maior calidade e máis respectuosas coa nosa lingua.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis