Noticias da Mesa

Facenda exclúe o galego da declaración da renda

O programa PADRE que facilita a Axencia Tributaria non permite a utilización da lingua propia de Galiza

 A Mesa lémbralle a Facenda que o galego é unha lingua oficial

 Marcos Maceira: “É esta a campaña para o impulso do galego no ámbito económico que anunciaron o novo conselleiro de Educación e o presidente da Xunta?”

 A asociación en defenda do idioma denunciou que Facenda é reincidente nos ataques ao galego, e lembrou que mesmo chegou a multar A Mesa por exercer o seu dereito a utilizar a lingua galega

Santiago de Compostela 8 de abril de 2015-. Comezada a campaña da declaración da renda de 2014, A Mesa pola Normalización Lingüísitica comprobou como, máis unha vez, a Axencia Tributaria obstaculiza o dereito da cidadanía a facer a declaración da renda en galego. O programa PADRE dispoñibilizado pola Axencia Tributaria na súa páxina web non contempla a opción de utilizar a lingua propia e oficial de Galiza.

Para a entidade en defensa do idioma, este non é un feito illado, senón a constatación dunha liña que mantén a Axencia Tributaria de costas á realidade lingüísitica de Galiza. A Mesa lembrou como son frecuentes as queixas e denuncias contra esta administarción pola vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía, que dentro da liña de retrocesos e ataques ao respecto das linguas diferentes do castelán chegou a multar á Mesa tras reclamar a entidade en defensa do idioma remisión dunha notificación en galego tal e como é o seu dereito, segundo recolle o artigo 36.1 da Lei 30/1992:

“A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castellano. Porén o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán tamén empregar a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado”.

A Mesa pola Normalización Lingüísitica xa ten denunciado noutras ocasións esta actitude abertamente belixerante contra a lingua galega da Axencia Tributaria. Segundo indicou hoxe o presidente da asociación, Marcos Maceira, “non se pode consentir que que unha administración do Estado, que ten que dar exemplo no cumprimento da legalidade, sexa a primeira en negar dereitos e mesmo en utilizar a coacción para evitar o exercicio do dereito a realizar os procedementos na lingua de elección, se esta é a galega, máis cando se trata dun trámite obrigatorio como é a declaración anual da renda”. Maceira lembrou como esta actitude xa foi denunciada en setembro diante do Comité de Expertos que avalia o cumprimento da Carta Europea das Linguas, que Facenda incumpre sistematicamente.

A Mesa dirixiuse tanto ao Ministerio de Facenda e Administarcións Públicas como ao Valedor do Pobo e á Secretaría Xeral de Política Lingüísitica para que corrixan de xeito inmediato esta situación. Porén, o caso de Facenda mostra claramente como a belixerancia contra o galego resulta absolutamente impune, sen que actúe ningunha administarción para corrixilo, nin sequera a Xunta de Galiza a través da Secretaria Xeral de Política Lingüística que ten a obriga legal de velar polo cumprimento da lexislación que ampara o galego. “Esta é a campaña para o impulso do galego no ámbito económico que anunciaron o novo Conselleiro de Educación e o Presidente da Xunta?” preguntouse Maceira, que tamén lembrou como A Mesa continúa desde marzo á espera de constestación á solicitude de reunión co presidente da Xunta.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis