Noticias da Mesa

Feixó lanzou a pedra contra o galego e agocha a man tras os tribunais

A Mesa avoga por un novo decreto de uso do galego no ensino que teña como base o establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que conta con acordo amplo

Marcos Maceira: “Ademais do rexeitamento social que levanta, o resultado do actual decreto demostra o seu nivel de agresividade contra o galego ”

“Actuar a favor do galego é unha obriga e unha responsabilidade de Feixó que non se pode agochar detrás dos tribunais para atacar a lingua de Galiza”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística pronunciouse hoxe sobre a non admisión a trámite do recurso presentado pola RAG ante o Tribunal Constitucional en relación ao mal chamado decreto de plurilingüísmo.

Da entidade en defensa da lingua galega sinalan “que máis alá de discusións xurídicas onde parece que os principais órganos xudiciais aceptan tanto a inmersión lingüística en Cataluña como a prohibición de impartir en galego determinadas materias”, a decisión de limitar ou potenciar o galego nas aulas corresponde ao goberno galego, que debe atender as demandas sociais.

Lembran como aínda sendo o decreto de 2007 absolutamente legal e tendo un grande respaldo, o actual decreto foi aprobado unilateralmente polo goberno de Feixó, co rexeitamento da comunidade educativa, organismos consultivos, entidades sociais de todo tipo, moitas delas agrupadas en torno á plataforma Queremos Galego e protagonistas de amplas mobilizacións nestes seis anos, e mesmo sucesivas sentenzas que ratificaron a ilegalidade de aspectos centrais como  a posibilidade de os pais decidiren a lingua nas aulas ou o alumando rexeitar o uso do galego.

Malia a Xunta non o ter avaliado como establece o propio decreto, os resultados están á vista: o maior descoñecemento e falta de uso do galego de toda a súa historia, e a práctica desaparición da lingua galega en etapas como a educación infantil, como demostrou o estudo da Mesa nas cidades ou o máis recente do IGE.  “Resulta cando menos estraño que un goberno teime en aplicar unha norma que ten como resultado o contrario do que se pretende, a non ser que ese resultado, o retroceso e desaparición da lingua propia de Galiza, sexa o obxectivo real”, afirmou o presidente da Mesa, e engadíu que “non é normal que a única oposición á presenza do galego no ensino veña do propio goberno galego, que debería estar para defender e non atacar os intereses de Galiza”.

Maceira lembrou, ademais, que o pasado 15 de xullo todos os partidos asinaron a Declaración de unidade a a prol da normalización da lingua galega, impulsada pola Mesa e que sinalaba entre outros aspectos  a necesidade de establecer o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como punto de partida “para abrir unha nova etapa de normalidade”.

“En consonancia coa declaración o actual goberno galego debe pór en marcha accións para que esa declaración non fique en palabras baleiras”, sinalou Maceira, polo que “debe eliminar os atrancos que impeden retornar ao acordado e comezar  por elaborar un novo decreto para o uso do galego no ensino baseado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no parlamento galego e que contou cunha ampla participación social, e que debe ser un novo punto de inicio cara a plena normalidade do galego”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis