A Mesa pola Normalización Lingüística

Ferrol acolle a presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

O grupo de traballo da comarca de Ferrol anima a debater sobre as propostas contidas neste manual práctico elaborado polo presidente da asociación:

Ferrol

2 de marzo ás 20.30 h.

Sociedade Galega de Historia Natural (Casa do Coronel – Praza de Canido, s/n).

Coas intervencións de Xaquín Campo, Carlos Outeiro e Carlos Callón.

Ligazón para o evento no facebook.

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

No libro que se presenta, Carlos Callón propón que “protagonicemos no noso día a día a revitalización do noso idioma a través de pequenas accións, porque os pequenos xestos poden orixinar grandes transformacións”. O volume obtivo o premio Redelibros ao mellor ensaio en galego do ano 2011 e nestes momentos é finalista para o premio da Asociación Galega de Editores, que se coñecerá o vindeiro mes.

A primeira parte do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é unha “Guía rápida de conduta para vivirmos en galego”, na cal se presentan propostas “concretas e realizábeis para pequenas situacións da vida diaria en que se dificulta vivir no noso idioma”.

A segunda parte da obra fai un repaso polos problemas que se pode encontrar unha persoa que quixer optar polo galego en diferentes ámbitos, desde a administración até as notarías, pasando polos servizos bancarios ou as empresas de telefonía móbil.

Por último, a terceira parte do libro propón un “consumo responsábel co galego”, no cal se escollan os produtos ou servizos non só pola súa calidade ou prezo, senón tamén “polo impacto que teñan na nosa lingua e cultura ou pola actitude cara ás mesmas por parte das empresas que os ofrezan ou os elaboren”.

Para o presidente da maior asociación cultural galega é importante “lembrar que nin a desaparición nin a recuperación dunha lingua son nunca procesos espontáneos, polo cal podemos intervir e rectificar a situación actual”. “Non o esquezamos: cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posíbeis”, conclúe Callón.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra