A Mesa pola Normalización Lingüística

“Fuerza Dépor”, artigo de Luís Couto

Luís Couto, activo socio da Mesa e ex responsábel da asociación na zona do Deza, publicou en Sermos Galiza un artigo sobre os retos para a nosa lingua no Deportivo da Coruña.

“Fuerza Dépor”, Luís Couto

Despois dunha tempada traballada pero resolta finalmente con brillantez, o Deportivo da Coruña acaba de confirmar a súa volta á primeira división. Aínda están recentes unhas celebracións nas que a galeguidade do Depor pasou case tan desapercibida coma se fose o Deportivo de Guadalajara.

“Por un Depor de primeira e en galego” foi o noso lema na campaña que acaba de rematar. O primeiro dos obxectivos cumpriuse, agora falta irmos polo segundo. Unha vella arela do deportivismo que sempre foi ficando adiada pola inercia ou a preguiza para racharmos cunha situación que segue a discriminar o galego e os galegofalantes do Depor.

Xurdido do viveiro de ideas de Galegolab, hai xa máis dun ano un pequeno grupo de afeccionados embarcámonos no proxecto de tentar galeguizar o Depor. Sen máis recursos que as pequenas achegas dalgúns seareiros empezamos a dar difusión á nosa iniciativa entre os deportivistas. Tamén lla fixemos chegar a Lendoiro e a directiva da entidade sen obtermos unha resposta satisfactoria, mais percibimos algúns signos positivos no final da tempada que nos fan pensar que cun apoio máis decidido das peñas e dos socios do Deportivo poderíamos acadar o arelado obxectivo na seguinte tempada.

Aínda que a algúns llo pareza, esta non é unha cuestión menor. O fútbol goza dunha enorme proxección na sociedade e, por iso, toda acción positiva para a nosa lingua que se facer neste eido vai ter unha enorme repercusión social a prol do galego. Que precisa coma auga de maio (re)conquistar novos espazos alén do estrito ámbito cultural ou do uso litúrxico ao que algúns teiman en confinalo.

Se non reaxirmos a tempo acabaremos no “Fuerza Depor” en Riazor. O Depor é un equipo de Galiza que non pode continuar a ignorar o galego. Nós queremos que ademais de selo pareza galego, que se identifique coa cultura galega e co seu pobo, como recollen os seus estatutos. O ano que ven na primeira división voltaremos a esixilo. Para iso precisamos o apoio dos siareiros e tamén a axuda dos medios comprometidos co galego como Sermos Galiza, fundamental para a difusión desta iniciativa. Se queres un Depor en galego xúntate a nós. Na conta de Twitter @x1deporengalego podédesnos seguir e informarvos das accións que imos propor para conseguilo. Desta vai ! Forza Depor en galego !

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra