Galiza estará presente en Tosta Cargo, que realizará unha viaxe a través das comunidades lingüísticas minorizadas do Atlántico, representando o Faro das Voces de Donostia Capital Europea da Cultura 2016

A embaixada Tosta Cargo, lista para  partir

A Mesa reuniuse onte en Irlanda con todos os integrantes do proxecto

 

Gaillimh, Eire, 18/09/2015. – Tras un proceso de organización de dous anos, Tosta Cargo, unha das embaixadas itinerantes de DSS2016EU, xa está preparada para iniciar a súa misión. Tosta Cargo representará o Faro das Voces ao longo de sete comunidades lingüísticas minorizadas da costa Atlántica de Europa e terá tres obxectivos: celebrar a diversidade lingüística e cultural desas terras, impulsar o intercambio cultural entre eses países e difundir os valores do proxecto DSS2016EU. O termo tosta significa “bancada de embarcación” en euskara, e é unha palabra presente, con pequenas variacións, en moitas linguas da costa atlántica europea, como no galego.

En colaboración con Donostia 2016, neste proxecto participarán sete asociacións que representarán cadansúa comunidade lingüística da costa atlántica de Europa: Afûk (Frisia), A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Celtic Neighbours (Gales), Ealain Na Gaeltachta (Irlanda), Euskaltzaleen Topagunea (Euskal Herria), Golden Tree Productions (Cornualles) e mais Proiseact nan Ealan (Escocia). Os oito socios que conforman Tosta Cargo reuníronse onte en Gaillimh, Irlanda. O encontro puxo fin aos dous anos que durou a posta en andamento de Tosta Cargo.

 Residencias artísticas

 Tosta Cargo desenvolverase en dúas fases. Na primeira, os países participantes enviarán e acollerán en residencia artística unha ou un creador de outro dos territorios, quen crearán senllas obras de arte inspiradas nas linguas e culturas minorizadas. A convocatoria para participar nestas residencias terá carácter aberto e publicarase durante as próximas semanas no sitio web www.dss2016.eu e mais en www.amesa.gal.

Viaxe marítima e festivais

Durante a segunda fase, a partir de xuño de 2016, un set de contentores marítimos viaxará a través de Galiza, Gales, Irlanda, Escocia, Frisia e Cornualles. Estes contentores serán o escenario dos festivais que se organizarán en cada porto para celebrar a diversidade lingüística e cultural de Europa e para dar a coñecer a colaboración entre estas comunidades. Logo de atravesar a costa atlántica, Tosta Cargo rematará cando chegar à costa guipuzcoana. O festexo de benvinda coincidirá co festival Atlantikaldia que se celebra en Errenteria a finais de setembro, así como co Día Europeo das Linguas (26 de setembro).

Guía para o uso de idiomas

 Unha das peculiaridades de Tosta Cargo é que, malia estar baseado nas relacións internacionais, quere dar prioridade á lingua local de cada lugar, demostrando que non cómpre renunciar á lingua propia para nos relacionarmos co mundo. Por iso, prestarase especial atención aos criterios para o uso de idiomas en cada circunstancia e momento. Ao longo do proxecto, recompilaranse experiencias e ensinanzas no relativo ao uso dos idiomas, e con elas elaborarase unha guía para a xestión das linguas. A publicación, que estará dispoñíbel en varios idiomas a partir de finais de 2016, está dirixida a quen desexar colaborar en proxectos culturais internacionais outorgando o espazo que lles corresponde ás linguas propias.

En Galiza o proxecto Tosta Cargo conta co apoio da Vicepresidencia Deputación da Coruña:

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra