Noticias Noticias da Mesa

Inspección reprende a Enaire por vulnerar o dereito dunha empregada a usar a lingua galega

A entidade pública que xestiona a navegación aérea en España pretendía forzala a comunicarse co departamento de Recursos Humanos e co director rexional en español, tanto verbalmente como por escrito, incumprindo o dictado pola Constitución Española, polo Estatuto de Autonomía de Galicia e pola Lei de Normalización Lingüística

Compostela, 4 de decembro de 2020.- A inspección de traballo vén de reprender a entidade pública que xestiona a navegación aérea en España, Enaire, por vulnerar o dereito dunha empregada a empregar a lingua galega no seu traballo. Tanto a responsable de Recursos Humanos como o director rexional da entidade pretendían forzala a comunicarse con eles en español, tanto verbalmente como por escrito. Inspección recórdalles que tanto a propia Constitución Española como o Estatuto de Autonomía de Galicia e a súa Lei de Normalización Lingüística recoñecen “expresamente” un dereito persoal de elección de uso da lingua galega, como lingua cooficial.

“Ao tratarse dunha relación laboral que se formalizou en Galicia, para a prestación de servizos nun centro de traballo situado en Galicia”, explica o informe de inspección, “a traballadora ten dereito a usar o galego nas súas comunicacións verbais ou escritas”. Aínda que a empresa ten carácter estatal, ten situado o centro de traballo en Galiza e debe rexerse e acatar as normas sobre o uso de lingua cooficial desta comunidade, “con independencia que a empresa decidise organizar a súa empresa centralizando o departamento de recursos humanos en Madrid”. “Dita decisión organizativa empresarial”, explica dito informe, “en ningún caso pode supor unha perda do dereito ao uso da lingua cooficial galega por parte da traballadora”.

“A traballadora pode decidir en que idioma expresarse”, abunda, “sempre que sexa cooficial no territorio onde se prestan os servizos e para onde a traballadora foi contratada”. “A empresa non se pode escudar na falta de obrigación e descoñecemento da lingua galega do persoal designado para a xestión de recursos humanos”, conclúe.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis