Intervención do presidente da Mesa, Marcos Maceira, no acto de sinatura da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega

Acto Declaración de unidade a prol da lingua galega. Foto: Xan Muras

Bo día amigas e amigos,

En primeiro lugar, A Mesa pola Normalización Lingüística, promotora deste acto, quere saudar e dar a benvida a todas as organizacións políticas que a través dos seus e das súas representantes intervirán tras a lectura da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega.

Benvida tamén a entidades como a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, a Real Academia Galega, a representación dos concellos, ás fundacións que traballan polo noso país, asociacións culturais, deportivas e veciñais, colexios profesionais, organizacións sindicais, estudantís,… tamén ás e aos membros da Comisión permanente da Mesa aquí presentes: Paulo Filgueiras, Mónica Pazos, Carlos Outeiro, Susana Méndez, Manuel Rei e Elsa Quintas, que tanto esforzo investiron nesta declaración.

Benvida a todas e todos os convidados a este acto que co voso incansábel traballo diario dades novos azos, presente e futuro, á lingua de noso e que hoxe exercedes de testemuñas do compromiso que adquirimos ao asinarmos esta Declaración, cuxo contido ten que surtir efecto desde este mesmo momento.

Por suposto, o noso agradecemento a Iria, Guadi e Guillerme, exemplo do compromiso inquebrantábel do mundo da nosa música e artes escénicas que tanto levan feito pola nosa dignidade colectiva.

De testemuña nesta xornada histórica a presenza monumental de Rosalía de Castro, da que conmemoramos hoxe o 130 aniversario do seu pasamento, e a quen tanto debemos como muller loitadora e conscientemente galega.

Rosalía conseguiu iniciar un camiño que reverdeceron, fará cen anos en 2016, as Irmandades da Fala, e que contribuímos a continuar hoxe na Mesa pola Normalización Lingüística, da que formaron parte persoas da traxectoria de Carvalho Calero ou Manuel María, mais sobre todo milleiros de homes e mulleres, mozas e mozos, que defenden orgullosos no día a día o dereito a vivirmos en galego e sementan co seu exemplo mil primaveras máis.

Permitídenos, a unha entidade como A Mesa, cun camiño de case 30 anos percorridos de propostas, de reivindicación e de ampla mobilización social, sinalar algunhas consideracións que nos levaron a propor a todas as organizacións políticas galegas sen exclusións esta Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega que hoxe se fai pública.

Traballamos día a día para conseguirmos plena normalidade do noso idioma en todas as dimensións da nosa vida cotiá, ou o que é o mesmo, para repor a nosa maior creación colectiva como pobo en todos os espazos dos que foi e continúa a ser inxustamente excluída. A lingua galega une Galiza e danos existencia como nación.

 

Consideramos que é preciso retomar o acordo básico sobre o noso idioma que nunca se debeu romper: que o galego como lingua propia de Galiza que nos identifica e nos une debe ser obxecto de especial fomento e protección por parte das institucións e dos poderes púbicos galegos, con políticas decididas que afirmen e potencien o seu uso.

Sendo o galego a lingua que nos une, reclamamos de todos os partidos que mostren esa unidade na defensa da súa reposición e normalización, para deixarmos de ser estranxeiras na nosa patria, en acertadas palabras de Rosalía, que é o que somos cando encontramos obstáculos para o uso normal, e xa que logo sen límites, da nosa lingua propia no noso propio país.

Unidade para comezarmos xa unha nova política lingüística que hoxe debe dar un paso adiante claro e firme, coa esperanza de que non teña volta atrás, de que sexa o punto de non retorno que sitúe a lingua galega no debate político, si, mais de forma que as lexítimas diferenzas ideolóxicas, no relativo a ela, se centren exclusivamente en como vencer todas as limitacións que as galegas e galegos padecemos para o seu uso e que nos impeden vivir en galego e transmitirmos a lingua ás novas xeracións; comezando por todas aquelas que dependen directamente das administracións públicas. Nelas é onde actúan os partidos e onde a responsabilidade que cada quen ten para que o galego avance é directamente proporcional á súa responsabilidade de goberno.

Queremos recoñecer publicamente o esforzo de todos os partidos por formaren parte desta declaración conxunta, que non aspira a ficar no baleiro nin a ser máis unha de tantas declaracións meramente retóricas de amor á lingua, senón a ter consecuencias visíbeis e audíbeis no inmediato para todos os asinantes.

Porque os acordos deben ser cumpridos. Se houbo no seu momento vontade para tomalos debe habela para os cumprir e para exixirmos respecto polos compromisos adquiridos e a palabra dada.

Retomar os acordos tomados nos últimos 34 anos, o último en 2004 no PXNLG, como punto de encontro que precisa só de vontade política para aplicar as principais medidas que contempla, no ámbito da administración e da xustiza, do ensino, da mocidade, dos medios de comunicación e industrias culturais, da economía, da sanidade, e nos restantes ámbitos que nos afectan como sociedade.

O cumprimento do sinalado nesta declaración, nos acordos nacionais e internacionais ratificados unanimemente nas nosas institucións, ten que ser a base de partida para unha nova, necesaria e urxente política lingüística que se oriente a gañar un futuro digno para a nosa lingua, a recuperar espazos de uso e que garanta e defenda o dereito a vivirmos plenamente en galego, con verdadeira igualdade e oficialidade real. Unha nova política lingüística que recupere o papel impulsor que deben desempeñar as institucións e os poderes públicos e acompañe a sociedade galega que xa actúa en solitario para repor e colocar a lingua en todos os lugares de onde está excluída.

Sabemos que é unha andaina difícil a que hoxe comezamos, e que só avanzaremos con esforzo, vontade, apoio e exixencia mutua. Só pedimos que nunca máis ninguén se exclúa deste compromiso que hoxe asinamos.

Remato con estes versos Manuel María

O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

Se perdemos a fala

non seremos ninguén!

 

Obrigado.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra