Más Móvil: “no hablamos en gallego, ni catalán, ni vasco”

A Mesa denuncia que Más Móvil nega atención en galego, catalán e euskera

A Mesa pola Normalización Lingüística tivo acceso a unha gravación na que Más Móvil lle realiza unha promoción a un posíbel cliente en Galiza e na que lle nega atención en lingua galega e acláralle que tampouco a realizará noutras linguas como catalán ou euskera.

O cidadán que recibiu a chamada o 28 de agosto e decidiu enviar a gravación á Liña do Galego, servizo gratuíto que ofrece a Mesa para denunciar a vulneración de dereitos. Desde a Mesa tramitarase unha queixa, non só ante empresa, senón que tamén se remitirá o caso á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e á valedora do Pobo para que tomen baza no asunto.

A negativa de Más Móvil de atender en galego os clientes e posíbeis clientes, vulneraría a Lei 1/2010, relativa aos servizos no mercado interior (disposición adicional sexta) na que se estabelece o respecto pola lei de normalización lingüística e a promoción do uso oral e escrito do galego. Así mesmo, tamén incumpriría a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recoñece no seu artigo 46 uns dereitos lingüísticos mínimos, indicando que:

    1. Os consumidores, nas súas relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galiza, sempre e cando a contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, así como nos supostos de publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas en Galiza.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira “este é un exemplo máis da febeleza da cativa lexislación que ampara o uso do galego e da necesidade de que se aprobara a ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que impulsou a Mesa co aval de 28.000 persoas e numerosas entidades e institucións”.

A Mesa pide colaboración da cidadanía para que se dirixa a través das redes redes sociais á empresa Más Movil e lle pida que incorpore a atención en lingua galega. “Esta acción permitiría exercer os dereitos lingüísticos e tamén xerar postos de traballo en Galiza” explicou Maceira.

A implicación da sociedade, como posíbeis usuarios e usuarias destes servizos é fundamental non só para evitar que se produzan casos graves de discriminación lingüística, senón tamén para garantir a opción de utilizarmos o galego nestes servizos e manter os postos de traballo en Galiza dun sector que cada ano crece máis” destacou o presidente da Mesa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra