Noticias da Mesa

MEDIOS DE COMUNICACIÓN.- A Mesa alerta do “incerto futuro” das radios municipais que emiten en galego tras negarlles a Xunta as axudas públicas que solicitaran

A asociación expresa o seu apoio á rede de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA), que emiten conxuntamente coa marca Radiofusión

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística considera “un novo despropósito” na xestión das axudas públicas aos medios de comunicación o feito de que a Secretaría Xeral de Medios do goberno autonómico deixe sen subvencións a rede de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA), agrupadas so a marca Radiofusión, tal e como esta entidade denunciou nos últimos días.

A Mesa considera “deplorábel” e “ofensivo” que o goberno de Alberto Núñez Feijóo conceda, “a golpe de DOG” ou por outras vías, importantes cantidades para medios “cuxo uso do galego é manifestamente mellorábel” e que, ao mesmo tempo, negue toda axuda pública a proxectos que empregan con normalidade o galego no 100% da súa programación “por un suposto defecto formal”. Eis a razón argumentada pola Secretaría Xeral de Medios para desestimar as dúas solicitudes presentadas para a presente convocatoria, segundo denunciaron os responsábeis da EMUGA.

A entidade cidadá en defensa do galego expresa todo o seu apoio ás emisoras agrupadas na marca Radiofusión, un total de 17 proxectos radiofónicos que emiten desde outros tantos concellos galegos integramente na lingua propia do país e cuxa programación tamén é posíbel seguir a través de internet desde calquera lugar do territorio ou do exterior no sitio: www.radiofusion.eu.

A maior asociación cultural de Galiza en número de asociadas e asociados insta a Xunta de Galiza a reconsiderar unha postura que “hipoteca gravemente” a continuidade dun proxecto radiofónico independente feito integramente en galego e alerta de que, de non ser así, o goberno de Alberto Núñez Feijóo “pasará á historia por ser o que permitiu o práctico desaparecemento dos medios en galego, primeiro no papel e agora tamén nas ondas”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis