A Mesa consegue que Génesis ofreza seguros en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística e a mobilización social conseguen que a aseguradora Génesis facilite os documentos de pólizas e seguros en galego.

No mes de novembro, a Mesa envioulle a Génesis unha queixa dun cliente desta aseguradora por vulneración de dereitos lingüísticos. O cliente solicitoulle a Génesis a póliza de seguros en lingua galega e a resposta da compañía aseguradora foi que se non entendía o castelán podían facilitarlle a documentación da póliza en inglés. A negativa da empresa contraviña os dereitos legais do cliente, pois unha das cláusulas do contrato é o artigo 8 da Lei 50/1980, de contrato de seguro que especifica: “a póliza do contrato deberá redactarse, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalice. Se o tomador o solicita, deberá redactarse noutra lingua distinta, de conformidade coa Directiva 92/96, do Consello da Unión Europea, de 10 de novembro de 1992.”

A denuncia pública da Mesa desta discriminación lingüística xunto coa mobilización social conseguiu que Génesis recoñecese a través das redes sociais o dereito á documentación en galego. O cliente recibiu estes días  a documentación da póliza en galego. Este caso é un exemplo de como exercendo os nosos dereitos lingüísticos conseguimos avances para o galego pois Génesis agora garante o dereito a recibir a documentación de pólizas e seguros en galego á clientela que así o desexe.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira considera que “exercer os dereitos lingüísticos e non permitir a súa vulneración non só é bo para a persoa que os exerce, senón que é positivo para a lingua e a sociedade en xeral”.

“Este é un avance para a lingua galega e os dereitos das persoas galegofalantes, deben tomar nota outras aseguradoras que reiteradamente incumpren a lexislación e non ofrecen a posibilidade de que en Galiza a súa clientela poida dispoñer da documentación en galego” apunta Maceira.

Finalmente, Maceira tamén apuntou que “de terse aprobado a iniciativa lexislativa popular Sentido Común promovida pola Mesa, os dereitos lingüísticos estarían garantidos e habería unha cobertura legal que amparase as persoas fronte posíbeis discriminacións e vulneracións de dereitos”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra