A Mesa de Bergantiños denuncia a deturpación de topónimos por toda a Costa de Morte

A Mesa de Bergantiños dirixiuse a todos os concellos da comarca e á Deputación da Coruña exixindo a restauración dos topónimos oficiais na sinaléctica pública da comarca. Lembráronlles tamén que “os nomes de entidades de poboación da provincia da Coruña foron fixados hai xa máis de trece anos mediante o Decreto 189/2003 do 6 de febreiro”, mais que porén, “aínda permanecen moitos topónimos deturpados na sinaléctica de Bergantiños”.

Desde A Mesa apuntaron que a Lei de normalización lingüística estabelece que “Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, que “corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos núcleos de poboación” e que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e as rotulacións terán que concordar con elas”.

A agrupación comarcal da entidade en defensa da lingua xa presentara un informe en 2014 no que denunciaba o incumprimento da lei en 172 topónimos nas rotulacións públicas bergantiñás e solicitaba oficialmente a restauración das formas correctas, “porén todo segue practicamente igual, os rótulos públicos manteñen practicamente os mesmos topónimos incorrectos que denunciamos hai máis de dous anos”.

Deste xeito, desde A Mesa Bergantiños denunciaron a existencia de topónimos deturpados como Valencia (Valenza), en Coristanco; Aguarrey (Augarrei), en Cabana de Bergantiños; A Grela (A Agrela) na Laracha; Verdillo (Berdillo), en Carballo; Couto (O Couto) en Ponteceso; Aldeola (A Aldeola), en Malpica, ou Aplazadoiro, Aplazadorio e Aplazaduiro (O Aprazaduiro) en Laxe, “por citar só algúns deles”.

O responsábel da Mesa na comarca, Xosé Cotelo, explicou que o único concello en que se produciron cambios nas rotulacións desde a nosa denuncia en 2014 foi na Laracha: “Instaláronse algúns rótulos cos topónimos correctos, porén, na inmensa maioría dos casos non se retiraron os letreiros incorrectos propiciando a existencia de dous nomes distintos para denominar o mesmo lugar”.

Cotelo afirmou que “No resto dos concellos, nin na Deputación nin tampouco desde a Xunta se levou a cabo ningunha modificación para devolver os topónimos correctos á sinaléctica pública conforme a súa forma oficial recollida no nomenclátor” e lamentou que “para desprezar e maltratar os topónimos sempre hai diñeiro, para recuperalos e dignificalos semella que nunca”.

A Mesa de Bergantiños fixo un chamamento á “responsabilidade legal e moral dos concellos, Deputación e Xunta para que devolvan as formas correctas dos topónimos a toda a sinaléctica pública da comarca”. 13576871_273050763054060_5733005286306479460_o

13661856_273018949723908_4259925498339444843_o 13662039_273098133049323_1320109468656299277_o

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra