A Mesa denuncia no Parlamento Europeo o decreto contra o galego e discriminacións polo seu uso en institucións públicas e privadas

O coordinador da área internacional da Mesa, Paulo Filgueiras, participou nas xornadas sobre discriminacións lingüísticas na UE organizadas pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas

 Presentou casos denunciados pola Mesa no 2015 e 2016 a través do servizo gratuíto A Liña do Galego

 Paulo Filgueiras: “Obrigannos a prescindir do noso idioma para acceder a servizos básicos”

 Bruxelas 01/06/16-. O coordinador da área internacional da Mesa Pola Normalización Lingüística, Paulo Filgueiras, interveu hoxe no Parlamento Europeo no marco da audiencia sobre discriminacións lingüísticas na UE organizada pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas, en colaboración cos grupos parlamentares da Alianza Libre Europea- Os verdes, e a Esquerda unitaria Europea.

Filgueiras denunciou o incumprimento da Carta Europea das Linguas e presentou casos reais reflectidos na memoria da liña do galego dos anos 2015 e 2016. Estas denuncias inclúen casos de discriminacións diante de empresas ou organismos públicos, mais tamén a política lingüística da actual Xunta de Galiza, nomeadamente as consecuencias do decreto contra o galego de 2010, rexeitado recentemente polo Consello de Europa. A Mesa exporá tamén a situación creada pola sentenza do TSXG contra a ordenanza a favor do galego do concello de Lugo. “Obrígannos a prescindir do noso idioma para acceder a servizos básicos”, sinalou o membro da Comisión Permanente da entidade en defensa do galego, para destacar que “en moitas ocasións é o propio goberno galego, que ten a obriga de nos protexer, que agride os nosos dereitos”.

Ademais, Filgueiras expuxo casos moi graves de vulneración de dereitos e discriminación lingüística como a humillación a unha nena de dez anos por falar galego, por parte do centro Hípico Casas Novas cando participaba nun campamento de verán e sobre o cal a xunta non tomou ningunha medida ao respecto; a prohibición por parte do centro infantil Jungle World do uso da galego nas súas instalacións; ou os casos de denegación de atención por razóns lingüísticas por parte da Policía ou da Garda Civil.

Language-Hearing-Poster-Final-500x675Na audiencia denunciáronse casos de vulneración dos dereitos lingüísticos como dereitos fundamentais, e sinalouse a discriminación por razón de lingua como unha forma de racismo. Avaliouse tamén o tratamento que a UE e os seus Estados membros dan ao problema da discriminación e exclusión das linguas propias.

Como resultado desta xornada  elaboraranse recomendacións sobre as medidas que a UE debe tomar ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de Europa, por medio da Comisión Europea contra o racismo e a intolerancia, de que a discriminación lingüística constitúe unha forma de racismo.

A conferencia conta coa participación xunto á Mesa, de diversas entidades de defensa das linguas propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda, País Vasco, Gales, Húngaros de Eslovenia e Romanía, e Occitania.

Conta tamén coa participación do Consello de Europa (Carta Europea das Linguas e Convención das Minorías Nacionais), Alto Comisionado para as Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU.

A conferencia buscará o mellor xeito de utilizar a lexislación existente xa en vigor, como a Directiva sobre igualdade racial e da Carta dos Dereitos Fundamentais,así como as propostas Protocolo de Donostia (presentado esta semana en Galiza). Presentarase tamén a proposta da Rede Europea para a Igualdade das Linguas para unha directiva de dereitos lingüísticos.

As recomendacións da conferencia serán presentadas ás Comisións de Cultura e Liberdades civís, Xustiza e asuntos internos (LIBE), ao Consello de Europa, á OSCE e á ONU.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra