Noticias da Mesa

A Mesa denuncia que a política lingüística do PP fai retroceder o galego

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2018

A Mesa denuncia que a política lingüística da Xunta de Galiza está a provocar un retroceso acelerado de uso do galego. Este proceso premeditado nótase especialmente na perda de transmisión xeracional e no descenso do uso do galego nas cidades e na xente nova.

Con motivo do Día Internacional da Lingua Materna a Academia Galega difundiu un documento no que alertaba sobre a perda da transmisión xeracional do galego e a presión do español sobre o galego. Desde a Mesa avaliamos estes datos sobre o descenso do uso do galego como consecuencia da política lingüística do PP que  leva moitos anos actuando en contra do galego.

 

Neste sentido, desde a Mesa  afirman que estes datos non nos poden sorprender pois reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade. Desde esta entidade veñen denunciando a exclusión da nosa lingua en diferentes informes como o da situación da lingua galega na educación infantil ou nos xogos e xoguetes.

A Mesa denuncia o desleixo de funcións da Secretaría Xeral de Política Lingüística que mira para outro lado nos casos de vulneración de dereitos lingüísticos, como o ocorrido esta semana na propia Xunta en Lugo. Tamén a entidade en defensa da lingua denuncia que a Xunta incumpre reiteradamente documentos aprobados como o Plan xeral de normalización da lingua galega, a Lei de normalización lingüística ou a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

A secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos, asegura que  “o presidente da Xunta fai un exercicio de cinismo ao afirmar que estamos nunha situación vantaxosa con respecto a outras linguas”. O presidente da Xunta o que fai é fomentar os prexuízos contra a nosa lingua e esconder os datos de uso do galego cos de coñecemento e capacidade lingüística. A lingua é uso e por iso só con outras políticas lingüísticas se normalizará a nosa lingua.

O primeiro, é derrogar o Decreto de plurilingüismo no ensino  que prohibe a impartición en galego de determinadas materias e que provocou as maiores mobilizacións en Europa na defensa dunha lingua propia.

O seguinte, garantir a igualdade entre galego e castelán en todo para garantir o dereito a vivirmos na nosa lingua. A posición do PP ficou clara a este respecto no rexeitamento á iniciativa lexislativa popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioecónimo que presentou a Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento en decembro do ano pasado.

Mais a pesar do esforzo desgaleguizador da Xunta desde a Mesa salientan que hai esperanza para o galego porque son moitas as galegas e galegos que con ilusión e vontade manteñen un compromiso no uso e transmitisión do idioma propio de Galiza.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis