Noticias da Mesa

A Mesa exporá o informe da Liña do Galego sobre vulneración de dereitos lingüísticos no Parlamento Europeo

A vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, o coordinador da área internacional da Mesa, Paulo Filgueiras, participará nas xornadas sobre discriminacións lingüísticas na UE organizadas pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas

O informe revela casos denunciados pola Mesa no 2015 e incluirá o presentado na Revisión Periódica Universal do Consello de Dereitos Humanos da ONU, e denunciará o decreto 79/2010 contra o galego no ensino

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

 

Santiago de Compostela 26/05/16-. A Mesa pola Normalización Lingüística participará a vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, na conferencia Respecto polos dereitos lingüísiticos? As discriminacións lingüísticas na Unión Europea organizada polos grupos parlamentares da Alianza Libre Europea, Os verdes e a Esquerda unida europea en colaboración coa Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) da que a Mesa forma parte.

Continúa así a acción de denuncia internacional que levou a entidade en defensa da lingua de Galiza a denunciar a situación do galego diante de diferentes organismos internacionais como o Consello de Dereitos Humanos da ONU e o Consello de Europa.

Estas denuncias inclúen casos de discriminacións diante de empresas ou organismos públicos, mais tamén a política lingüística da actual Xunta de Galiza, nomeadamente as modificación na Lei de acceso á función pública, e o decreto contra o galego de 2010, rexeitado recentemente polo consello de europa. A Mesa exporá tamén a situación creada pola sentenza do TSXG contra a ordenanza a favor do galego do concello de Lugo.

Na conferencia discutirase o tratamento que a UE e os seus Estados membros dan ao problema da discriminación e exclusión das linguas propias e avaliarase a situación en varios Estados, que pode fornecer a evidencia de discriminación lingüística con numerosos estudos de caso.

Como resultado elaboraranse recomendacións sobre as medidas que a UE debe tomar ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de Europa, por medio da Comisión Europea contra o racismo e a intolerancia, de que a discriminación lingüística constitúe unha forma de racismo.

A conferencia contará coa participación xunto á Mesa, de diversas entidades de defensa das linguas propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda, Gales, Húngaros de Eslovenia e Romenia, e Occitania.

Contará ademais coa participación do Consello de Europa (Carta Europea das Linguas e Convención das Minorías Nacionais), Alto Comisionado para as Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU.

A conferencia buscará o mellor xeito de utilizar a lexislación existente xa en vigor, como a Directiva sobre igualdade racial e da Carta dos Dereitos Fundamentais,así como as propostas Protocolo de Donostia (presentado esta semana en Galiza). Presentarase tamén a proposta da Rede Europea para a Igualdade das Linguas para unha directiva de dereitos lingüísticos.

As recomendacións da conferencia serán presentadas ás Comisións de Cultura e Liberdades civís, Xustiza e asuntos internos (LIBE), ao Consello de Europa, á OSCE e á ONU.

A Mesa convidará a asisitir a todos os Eurodeputados de Galiza

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis