A Mesa expresa a súa solidariedade cos traballadores de Extel afectados polo ERE

 

A exclusión do galego na atención telefónica provoca deslocalización e despedimentos

Marcos Maceira: “Reclamar galego na atención telefónica é reclamar emprego en Galiza”

A Coruña, 29/09/2016-  A firma de atención telefónica Extel ven de comunicar aos representantes dos traballadores que o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de extinción da compañía afectará a 355 traballadores. A maior parte desas baixas, 205, corresponde ao centro da Coruña.

Despois de dúas semanas de incerteza desde que a compañía Adecco anunciase o inicio dun expediente de redución de emprego nas cinco plataformas da súa filial no Estado español, esta semana a empresa comunicou finalmente aos sindicatos o número de postos de traballo afectados en Galiza.

Serán 205 en total, dos 950 que conforman o persoal, dedicada a atender o servizo 1004 de información ao cliente de Movistar.

Este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galicia e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa comezaron a atender as chamadas.

Na última década os centros de atención á clientela na Galiza foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo. Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. En Galiza pasaron de 7433 postos de traballo en 2010 a 5393 en 2012.

No noso caso, esta deslocalización agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais e a exclusión e mesmo prohibición de uso do galego ás traballadoras e traballadoras, sen opción mínima de escolleren as usuarias ou usuarios.

Pecharon centros de traballo na Galiza e o emprego foi levado a outras partes do Estado. Entre o ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2040 postos de traballo e 100.000 galegos e galegas foron obrigados a emigrar pola perda de emprego na nosa terra.

Segundo sinalou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “destrúese emprego e o noso idioma perde un espazo común de grande importancia, o da relación entre nós e as empresas. Ao mesmo tempo vulnérase o dereito de sermos atendidos/as e entendidos/as na nosa lingua, que estas empresas ignoran”.

Nas concentración convocadas hoxe polas traballadoras e traballadores de Extel na Coruña, participou a responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña, Celia Armas, que reivindicou a relación entre o uso da lingua e o emprego na comarca afirmando que “ao solicitarmos ser atendidos e atendidas en galego polas grandes empresas podemos recuperar o perdido. Temos dereito a falar a nosa lingua en todos os ámbitos da nosa vida. En galego, creamos emprego en Galiza”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra